Posts etiquetados ‘segregar’

Separar

Xoves, 21 de Maio, 2009

Non fai falta facer un estudo sociopedagóxico. Chega con preguntarlle a calquera rapaz de ESO ou BAC das grandes vilas e cidades do país para saber canto galego falan na escola. “Pois na clase de lingua e literatura, porque é obrigatorio”, dirán. Pois aínda así, a Xunta propón agora separar en aulas distintas aos alumnos segundo a súa fala, de xeito que o neno ou nena galegofalante podería acabar nunha clase xunto con outros dous ou tres ‘raros’ máis do colexio que me recorda outra que había no instituto Masculino de Lugo, xunto ós váteres e con só tres cadeiras, na que se impartía a asignatura de Grego.

Tamén me acordo que cando marchei para Euskadi estudar Xornalismo, o primeiro día entrei por erro no aulario de euskera e logo de ver na pizarra o horario escrito nesa lingua descoñecida entráronme os suores. Onde me acababa de meter. Logo alguén me sacou do erro e me indicou o edificio dos castelánfalantes, pero o feito de ver aquela división serviume para entender máis adiante o por que do chamado conflito vasco.

Deberiamos preguntarnos se de verdade o que queremos aquí e acabar segregando desde a infancia para crear dúas sociedades enfrontadas ou formar aos mozos na cultura universal sen esquecer que temos unha lingua propia. Ou, máis ben, iso teñen que preguntarseo os encargados de gobernar.