Posts etiquetados ‘secuestro’

Piratas

Sábado, 21 de Novembro, 2009

Que unha banda de desaliñados, imberbes e esfameados somalís sexa capaz de pór en xaque ás flotas mercantes e pesqueiras mundiais que transitan e esquilman o Índico é inquietante. Pero que ademais estes imitadores do heroe británico sir Francis Drake logren acaparar a acción dun Goberno con quilométricas colas nas oficinas de emprego e xulgados ateigados de traxes e trajines –Fraga dixit– dá idea de ata que punto pende dun fío este sistema occidental sustentado en valores como a xustiza, agora arrinconados en aras a unha negociación que tan só necesitaba dun movemento, bancario en concreto, por parte da empresa armadora.

Agora que o pesadelo pasou para os pescadores españois secuestrados no Alakrana é desde logo o momento para as preguntas: ¿É verdade que o barco faenaba en augas somalís e sen permiso das autoridades dese país? Se a zona é de alto risco… ¿por que os armadores faenan alí? ¿Que dereito internacional ampara os mercenarios embarcados para defender os pesqueiros dun ataque? En caso de mortes a bordo,  ¿quen xulgará os feitos? ¿Vai adoptar como norma o Goberno a negociación con delincuentes? Claro que igual mellor pasamos páxina.