Gaiás
Mércores, 12 de Xaneiro, 2011Galicia sempre necesitou de máis autoestima e non porque a riqueza natural ou o legado monumental levantado ao longo dos séculos sexa insuficiente para sentirnos orgullosos como pobo. O problema é que cando demos conseguido autogoberno e capacidade financeira suficiente para construír a nosa torre de ouro, fóisenos a pinza e acabamos levantando un mamotreto sen unha utilidade clara e que seguirá dando desgustos orzamentarios aos dirixentes da Xunta. Aínda así, o certo é que cada vez que se estrea casa, coche ou traxe o corpo experimenta unha sensación de satisfacción que ningunha factura impagada debe bloquear. Xa haberá tempo para tirarnos dos pelos, así que eu apúntome a visitar a Cidade da Cultura en canto poida.