Posts etiquetados ‘San Google’

Téñome que posicionar

Mércores, 5 de Decembro, 2012

Un experto en comunicación dixital acaba de certificar algo que xa sabía, pero me negaba a recoñecer: estou mal posicionado en internet. A principal causa deste desapego á Rede reside no meu descoñecemento das reviravoltas de San Google e unha escasa actividade nesas redes sociais que cada vez máis acaparan o noso tempo de lecer.

A forma e, sobre todo, a nosa capacidade para poñernos en primeira fila e ser os primeiros en ofrecer o produto xa predomina sobre o fondo, o que pode acabar por converter os medios de comunicación en simples colectores de información, sen personalidade e carentes dese protagonismo social que no seu día chegou a identificalos como o cuarto poder.
O pulso da actualidade tómase xa en menos de 140 carácteres e os que se resistan a entrar na rolda corren o risco de acabar como outsiders da información, cun público minoritario e incapaces de influír na opinión pública.

A nosa audiencia é agora ilimitada e xa nos dá vertixe só pensar que o que deu en chamar reputación en internet poida verse lastrada por un comentario mal calculado ou por unha falta de reflexos.

O meu propósito para o ano novo será posicionarme mellor na Rede e seguir atento a calquera cambio ou evolución. Claro que o resto, a folla en branco, seguirá sendo o reto diario máis apaixonante.