Os puntos negros
Luns, 23 de Marzo, 2009A rede de estradas de Lugo pasa por ser unha das máis extensas de España e se cadra esa sexa unha das razóns pola que tamén se acaba de converter en campiona nacional de puntos negros. O Ministerio de Fomento ven de elaborar un listado de zonas de elevada siniestralidade e, a falta de investimentos para suprimilos, o que se lle ocorreu ó departamento que dirixe Magdalena Álvarez é sinalizalos para ver se así lle mete o medo no corpo aos condutores.
Deste xeito vanse instalar en distintos puntos da provincia un total de vintecinco cartelóns dun total de 33 en toda Galicia. A estrada máis conflitiva é a Nacional 540, que en pouco máis de cincuenta quilómetros rexistra ata sete puntos cunha elevada taxa de accidentes. Estamos a falar da vía que une Lugo con Ourense, onde está previsto desde hai máis de un lustro a construción dunha autovía da que só hai na actualidade un tramo en obras, mentres que dos outros sete aínda se está na fase de redacción dos proxectos. Claro que a posta en marcha de autovías tampouco ten por que supoñer a eliminación dos puntos negros, posto que mesmo na A-6 á altura do Concello do Corgo tamén se vai a proceder a avisar aos condutores do alto índice de accidentes.
E aínda que o número de mortes por accidente de tráfico nas estradas lucenses se está a reducir ao igual que no resto de España, o certo é que o estado das estradas deixa moito que desexar e logo de cada inverno duro como este último que sufrimos as calzadas resíntense e faise necesaria a reparación dos firmes, que nalgúns casos semellan campos de minas estouradas. As administracións titulares de cada unha delas deben investir unha morea de cartos no mantemento e nestes tempos de crise a demora na execución das reparacións increméntase.
A sinalización anunciada por Fomento forma parte dun convenio coa Dirección Xeral de Tráfico, máis partidaria de aplicar correctivos pola vía das sancións. Así, nestes tramos perigosos, ademais dos cartelóns, vanse instalar nunha fase posterior radares para controlar a velocidade. A medida chega xusto cando o Congreso dos Deputados acaba de aprobar unha iniciativa de CiU que pide que a recadación das multas se destine íntegramente a seguridade vial, sinalización de puntos negros e axuda ás vítimas dos accidentes. Trataríase de deixar na estrada os cartos que dela saen e de rematar co debate de se a DXT é só un instrumento de captación de fondos para a Administración.
Acabar co regueiro de mortes na estrada no é doado nin cubrindo de radares e carteis toda a rede de estradas, pero se cada un deles evitase unha soa traxedia xa estarían amortizados.