Posts etiquetados ‘publicidade’

Anticrise

Xoves, 26 de Marzo, 2009

Falo cuns empresarios que din que o primeiro que recurtaron á hora de afrontar a crise foi o gasto en publicidade, claro que acto seguido recoñecen que gracias á difusión dos seus produtos e marcas é como conseguen incentivar as ventas. Aínda así, aclaran que non se atreven a facer moito gasto porque ven que a febre polo recurte de gastos se extendeu tamén a aquelas familias que non están a sufrir unha merma nos seus ingresos.

O caso é que o mundo da publicidade busca reinventar a situación e está a utilizar nos anuncios esa palabra tabú que mesmo Zapatero non se atreveu a pronunciar ata que as cifras foron incontestables. Así, están a xurdir ‘spots’ onde nos animan a darlle cabazas á crise, desmarcarse ou aparcala, nun intento de motivar ao consumidor que non está tan afogado e animandoo a aproveitar as oportunidades. Os creativos rachan así cun libro de estilo que ten como norma debuxar un mundo cor de rosa. Trátase dun intento por gañar a confianza dun público consciente de que a crise forma xa parte da súa vida cotiá e tamén para evitar o absurdo que supón agocharlle a realidade ao cidadán adulto. Na estratexia hai moito en xogo non só para os publicistas e os empresarios, tamén para os medios de comunicación, que están a padecer de cheo este baixón publicitario. O reto é poñer a andar de novo o tren consumista e tentar que non volte a descarrilar.