Posts etiquetados ‘PGE’

Tarifa plana

Domingo, 5 de Outubro, 2008

Puxérona de moda as compañías telefónicas co obxectivo de captar clientes, toda vez que a infraestrututa tíñana xa montada e os costes para a empresa ían ser os mesmos con maior ou menor consumo. Agora o fenómeno está popularizado e ata podemos pagar na perruquerría un fixo mensual e darnos o gustazo de lavar e marcar cada día, como fan os ministros ou as conselleiras.
Esta mesma semana chegaron os Presupuestos Generales del Estado ao Congreso para ser debatidos, uns orzamentos deseñados nun momento de crise ao que non se lle ve o final do camiño. Para Lugo os investimentos están centrados nas grandes infraestruturas prometidas dende hai anos, algunhas das cales como a autovía do Cantábrico si semella que levan o ritmo previsto, mentres que outras como a de Ourense, o famoso AVE lucense ou a nova ponte do Miño voltaron a ser o centro das críticas da oposición pola falta de partidas que albisquen un futuro cercano.
O total do asignado a Lugo sobe algo máis do catro por cento con respecto ao ano pasado, menos ca inflación, o que confirma que a provincia xa ten asignada a súa propia tarifa plana de infraestruturas por parte do Goberno central para os vindeiros anos, unha circunstancia que por outra parte xa se produciu cos gobernos de José María Aznar.
“Sodes os que sodes”, dirán desde Madrid. Pois sí, unha poboación de 350.000 habitantes, envellecida, nunha provincia entre o dinámico eixo atlántico e a Meseta, con eivas en comunicacións e servizos e a que se non se lle aplica a receita da discriminación positiva nin se invisten nela os poucos fondos estructurais que vai mandar Europa antes de retirarllos a España pode quedar convertida nun páramo con grandes explotacións de vacún, enfriadoidos de leite, pequenos pobos con servizos básicos, unha capital administrativa con moitas residencias da terceira idade e se cadra tamén parados. Aínda que eso sí, tamén convertida no maior parque de segundas residencias de España, a onde acudirían os lugueses emigrados para disfrutar dese repouso que só aportan os lugares onde nada se move.
Seguramente ningún político ou partido será quen de cambiar a tendencia, porque o que ocorre cada vez que hai que repartir un dulce é que as migallas sempre quedan para o menos acostumado a comerlo e que polo tanto acaba por darlle menos valor. Os lugueses a lo menos o que teñen que defender é precisamente que esa tarifa plana se manteña ao longo dos anos, incluso en situacións de crise, para se cadra paseníñamente ir facendo acopio de infraestruturas que logo ninguén se podía levar a outro lado. Eso sí, paciencia hai que tela como calquera cliente dunha telefónica que se queira dar de baixa no servizo.