Posts etiquetados ‘Pérez Reverte’

Enredados

Mércores, 6 de Xuño, 2012
Apenas  acabamos de descubrir as redes sociais de internet e xa valen millóns de dólares en bolsa e empezan a crear problemas. Un motín dos xogadores da selección española acaba de botar por terra a prohibición de usar twitter ou facebook durante a concentración da Eurocopa e aínda que algúns futbolistas se gaban do trunfo, non se paran a pensar que a medida, máis que coartar a súa liberdade, buscaba protexer a uns mozos habituados a unha comunicación plana da tentación de exhibir sen filtros as súas limitacións fronte a unha xauría de millóns de internautas preparados para facer sangue da súa inxenuidade.
Algúns artistas como David Bisbal, co seu comentario sobre as pouco transitadas pirámides durante as revoltas en Egito, ou escritores como Pérez Reverte, que se mofou das bágoas de Moratinos na súa despedida, xa comprobaron que pensar en voz alta e a través dunha rede social pode desprestixiar unha carreira, e tras ser noticia polos seus desafortunados ‘tuits’, seguramente xa se miden máis á hora de darlle ao clic a calquera ocorrencia.
Logo de máis dun ano enganchado ás redes, aínda asisto como espectador ante a avalancha de comentarios que leo, moitos ocurrentes, a maioría intranscendentes e algúns tamén prescindibles. Aínda así, creo no seu futuro, pero sempre que se aplique a receita de toda a vida para o seu uso: o sentido común.