Abandonos
Xoves, 15 de Setembro, 2011Do mesmo xeito que a moitos nos intranquilizaba en 2009 a estampida de Pedro Solbes do Goberno de Zapatero, cada vez que se coñece que algún personaxe relevante decide abandonar o barco as dúbidas comezan a desatarse. Entre os últimos que seguirán o camiño do exvicepresidente económico figura o ministro de Educación, Ángel Gabilondo, que acaba de anunciar que non concorrerá nas listas do PSOE ao Congreso e xusto nun momento no que os gobernos autonómicos iniciaron o recorte dos orzamentos para o ensino.
Pero aínda que as desercións no bando socialista son a estas alturas tan comúns como as renuncias dos gadafistas a defender ao seu líder, o que chama máis a atención son as noticias de abandonos na empresa privada e, sobre todo, no mundo financeiro. E estoume referindo en concreto á renuncia ao seu cargo do director xeral de Novacaixagalicia, José Luís Pego, un dos cerebros da antiga Caixanova e que prefire a prexubilación -ollo, aos 54 anos- a embarcarse no proxecto de NCG Banco.
Na empresa como na política, as dimisións nunca son unha traxedia, porque ninguén resulta imprescindible e sempre hai alguén detrás para tomar a substitución. Claro que ás veces a inquietude que xorde ante unha marcha acaba por confirmarse meses despois, como ocorreu con Solbes, pero entón xa é tarde para as queixumes.