Posts etiquetados ‘Pedrafita’

Derrubamentos

Mércores, 18 de Marzo, 2009

No seu tempo foi a maior obra de enxeñería de España e unha das máis complicadas de Europa. A decisión política de facer pasar a autovía do Noroeste por Pedrafita tiña o risco de verse afectada polo incumprimento de prazos e o elevado orzamento, una premisa que se cumpriu logo de que se tardasen desde o inicio das obras dez anos en inaugurar o último tramo. E tamén estaba o perigo de padecer os efectos das nevaradas en inverno ou o derrube de noiros. No tocante a neve, solucionouse cun costoso retén que por exemplo durante os últimos meses traballou arreo para ter limpo o asfalto, mentres que os derrubamentos acaban de facer acto de aparición, cortando tramos de autovía e dando a razón a xeólogos e enxeñeiros que hai anos xa alertaban dos problemas que poderían dar determinados trazados.

Así que despois dun dos invernos máis duros das últimas décadas, de repente atopamos cortes en tres puntos das autovías coa Meseta e un deles, o ocorrido no val do río Valcarce, ten trazas de durar varios meses e mesmo de obrigar a un investimento millonario para evitar futuros problemas. E entrementres os galegos seguen á espera doutras infraestruturas tamén complicadas de facer como o AVE ou o remate da autovía do Cantábrico. Esperemos que os enxeñeiros aprendesen a lección e que malia tarde as obras se fagan como deus manda.