Posts etiquetados ‘partido’

Verdes

Mércores, 24 de Marzo, 2010

Nunca entendín moi ben a razón de ser dos partidos verdes, a pesar de que comparto case ao cento por cento calquera dos seus puntos programáticos sempre que non caian nun ecoloxismo radical como o daqueles que liberan visóns enxaulados para que arrasen coa fauna autóctona. Porque a pesar de que o respecto á natureza debe ser norma de convivencia, os catro elementos non teñen por que determinar afinidades políticas.
Lugo acolleu a pasada fin de semana a constitución do Partido Verde Galego, a enésima refundación dun movemento que só conseguiu representación ou votos cando se asociou con clásicos partidos de esquerda como o PSOE, Esquerda Unida ou ata o BNG, como nas pasadas eleccións europeas.
Apenas unha vintena de persoas acudiu ao acto dunha organización que pretende concorrer aos próximos comicios municipais con máis vontade que medios. O seu modelo a imitar é o dos Verdes de Asturias, que desde o ano 2008 forma parte do Goberno do Principado, e ademais de influír na política ambiental, quere achegar solucións a problemas sociais como o paro ou o futuro do sistema de pensións. Claro que logo da desfeita que causou o neoliberalismo, ata as propostas dos verdes teñen máis crédito que as dos partidos políticos convencionais.