Posts etiquetados ‘Palma Arena’

Saber escoitar

Mércores, 14 de Decembro, 2011
Son dos que se adica máis a fisgar nas redes sociais que a alimentalas. É unha deformación profesional que aos do meu gremio ocórrelles tamén no súper, o bar ou a parada do bus, onde con disimulo poñemos a orella nas conversacións alleas para colmar a nosa curiosidade ou para ver se pescamos unha noticia. Tamén son dos que deixan falar ao interlocutor para que se desafogue ante alguén afeito a atender a todo tipo de historias, a pesar de que creo que, como dicía Oscar Wilde, o máis perigoso de escoitar é que te poidan convencer.
E como escoitador que son, ata me resulta incómodo converter o columnismo en opinión, pois os xornalistas non somos os máis indicados para xulgar as decisións tomadas por aqueles que recibiron a autorización das urnas, dos consellos de administración ou, nalgún caso, de Deus, pero si creo que estamos para denunciar a arbitrariedade, a mentira, o abuso ou o delito.
Estes días fálase nos medios e na rúa dos moitos problemas que nos aburan ou do derbi Madrid-Barcelona, pero tamén da noticia de que o xenro do xefe do Estado aproveitouse da súa condición para facer negocios presuntamente ilícitos, unha información que indignou ao interfecto. Tras semanas de titubeo, a Casa Real actuou, sobre todo, porque sabe que o mellor mecanismo de autodefensa é escoitar o que se di e actuar.