Posts etiquetados ‘Obama’
A rúa
Mércores, 14 de Outubro, 2009Ao presidente do Goberno seguramente xa non se lle sorprendan os apupos, peticións públicas de dimisión ou desplantes nos actos oficiais. Vai co cargo, así que os berros escoitados por Zapatero no desfile militar da Festa Nacional, cuxo público tampouco é un compendio de diversidade ideolóxica, non deberían minar a autoestima do líder socialista. E é que tras de cinco anos no poder e atascados na crise é normal que a rúa sexa territorio hostil para un gobernante. Outra cousa é que o presidente en cuestión saboree aínda os meles do éxito como ocorre con Núñez Feijóo. No seu paseo por Lugo durante o San Froilán só recibiu aplausos e felicitacións, aínda que a súa é unha guerra que acaba de empezar e na que hai garantías de non contar baixas polo menos durante o primeiro ano. Logo non tardarán en aparecer os primeiros reproches públicos, as manifestacións improvisadas e os apupos, que só logran atenuar o callo político do dirixente e un adestramento para non perder o contacto coa rúa. E vale que a foto con Obama que tanto obsesiona aos asesores pode infundir optimismo e popularidade, pero o contacto con don Pepe ou dona Maruja o político nunca o debe refugar. Nin aínda que sexa para que lle canten as corenta.
Bush
Xoves, 22 de Xaneiro, 2009Tanta paz leves como paz deixas. Así despedía cando abandoou o cargo o mítico José María García a quen foi branco das súas críticas durante anos, o ex presidente da federación de fútbol Pablo Porta. Pero aquelas eran guerras incruentas, ben distintas das protagonizadas por quen onte deixou de ser o home máis poderoso do planeta, George W. Bush.
Din as enquisas que a súa presidencia será recordada como a máis nefasta, non só por ter iniciado dúas grandes guerras en Afganistán e Irak, animado por un país desconcertado logo dos atentados do 11-S, senón por rematar o seu mandato coa maior crise económica dende o crack do 29. Na súa política letal de policía do mundo mesmo chegou a mudar o talante de gobernantes como Blair ou Aznar e contaxialos desa febre belicista que tantas mortes e pouca paz teñen causado.
Agora os estadounidenses e gran parte do resto do mundo teñen postas as esperanzas no novo presidente, Barak Obama, a personificación dese soño americano que di ter unha oportunidade para calquera.
Non sei canto tardaremos en esquecernos de Bush, só sabemos que a mellor frase que o define é aquela que dixera outro ex presidente, Abraham Lincoln: “Podes enganar a algúns todo o tempo, pero o que non podes é enganar a todo o mundo todo o tempo”.