Posts etiquetados ‘ministro’

Orgasmus

Mércores, 6 de Novembro, 2013
Non sei se o programa Erasmus fai máis Europa que a Champions League, pero logo de 26 anos de vixencia a lo menos ten facilitado a máis de tres millóns de universitarios a oportunidade de estudiar fóra dos seus países de orixe, unha posibilidade á que ata o xurdimento desta iniciativa só podían acceder fillos de familias acomodadas.
A popularización destas becas e programas do tipo Españoles por el mundo, onde os mozos aparecían de troula nas cidades a onde foran estudar, acabaron por trivializar o fenómeno Eramus e ata algún chegou a rebautizarlo como Orgasmus, logo de tomarse ao pe da letra que era un programa de intercambio. Se cadra o ministro Wert pensou que esa imaxe distorsionada lle serviría para xustificar un recurte máis no seu departamento e, como se fan as cousas que un non se atreve a anunciar, publicou unha orde no BOE na que decretaba, co curso iniciado, que moitos erasmus se quedarían sen a pírrica axuda de 150 euros para compensar os gastos de desprazamento.
Pero a crítica á medida non lle veu esta vez a Wert de onde sempre, da pertinaz oposición, se non das súas propias filas, onde moitos dirixentes populares teñen fillos beneficiarios desas bolsas. Por iso a rectificación non se fixo esperar e, logo dun estirón de orellas da cúpula do PP, anunciaba a cancelación da orde de Educación. Mágoa que non haxa na UE un programa de intercambio de ministros.

Comunicar

Mércores, 8 de Abril, 2009

Unha boa comunicación na xestión dunha crise é fundamental para tentar a lo menos salvar os mobles. Iso debe ser o que lle aconsellaron os dirixentes socialistas a Rodríguez Zapatero sobre os axustes que ía ter que facer no Goberno logo dun ano de mandato no que se cumpriu a lei de Murphy (se a situación pode ir mal, irá peor). A remodelación fíxose onte oficial e dela  pódese esperar, se cadra como primeira medida, un despregue comunicativo dos novos ministros para venderlle á opinión pública as súas decisións e contrarrestar as críticas de inactividade por parte dos populares, unha tarefa para a que Zapatero mesmo incorporou a unha cineasta. Ademais, rodearse do aparato do partido vaille servir para trasladar á militancia todas as decisións importantes e axustes severos que haberá que activar para frear a galopante destrución de emprego e que seguramente toparán coa oposición dos sindicatos. No lado das persoas, resulta especialmente interesante para unha provincia como esta que José Blanco se convirta en ministro de Fomento. O seu ministerio ten en marcha proxectos en Lugo que precisan dun impulso económico e só desde o coñecemento do atraso que padece Lugo se pode traballar por sacalos adiante. Agardamos que non todo se quede en comunicar ben.