Posts etiquetados ‘medalla’

Toureiros

Mércores, 11 de Marzo, 2009

Non quixera implicarme moito na liorta aberta entre os toureiros de papel couché e os de escola de tauromaquia, pero tampouco creo que o desplante de tres matadores cun dos fillos de Paquirri (non co badulaque) sexa propio de compañeiros de oficio. Outra cousa é que calquera deles mereza unha Medalla de Ouro das Belas Artes por exercitar un oficio que se algo ten de artístico é a pantomima que fan os toureiros na praza diante dun público que entre güisqui e petisco de tortilla afouta a aqueles que máis se arriman esperando seguramente velos escornados.

Recoñezo que sempre tiven curiosidade por asistir a un destes espectáculos só por analizalo en directo. Así,  o pasado verán aceptei a invitación duns amigos e asistín na Coruña a unha corrida na que o susodito Fran Rivera compartía cartel co seu irmán Cayetano e co fillo ilexítimo de ‘El Cordobés’. A sesión non defraudou e ata foi arrolado o máis mozo. Ademais, serviume para corroborar ata que punto a festa nacional non deixa de ser unha diversión propia de quen non ten aprecio polos animais e si por lucirse ben dentro ou fóra do ‘ruedo’. Polo demais, penso que artistas só se ven á entrada das prazas e son aqueles que revenden billetes polo triple do que costan. En fin, pobres bois, que dicía o outro.