Posts etiquetados ‘Magdalena Álvarez’

Querer é poder

Martes, 21 de Abril, 2009

José Blanco acaba de facer boa a máxima de querer é poder. E agora que pode, a súa primeira decisión logo de seis días no cargo foi sacar do caixón de Magdalena Álvarez ‑como así definiu Touriño o arquivador dos proxectos de Fomento en Galicia‑ a obra da nova ponte sobre o Miño en Lugo. O ex presidente da Xunta era xunto con outros cargos socialistas e alcaldes o único defensor da ex ministra a pesares de que as súas visitas á cidade, a última unhas semanas antes das eleccións autonómicas, semellaban unha tomadura de pelo e en nada axudaban a sumar votos para o seu partido. Estaba claro que as súas prioridades eran outras o que ocorre é que cando non se ten vontade por facer algo é mellor nin mentalo.

Se cadra por esa espiña que tiñan cravada os socialistas lugueses, o flamante ministro de Palas non perdeu tempo en satisfacer aos seus conveciños. Ademais, xunto coa licitación da nova ponte tamén aproveitou para reunirse coa presidenta da comunidade na que reside, Madrid, onde estaban bloqueados desde hai anos varias infraestruturas de Fomento. Porque un político é de onde nace e de onde pace, e tratando ben aos cidadáns da Vila e Corte pode que se acabe gañando ata a simpatía dos tertulianos que tanto criticaron a súa designación.

O seguinte paso de Blanco debería ser o impulso da autovía de Lugo a Santiago, que pasa precisamente polo seu Palas de Rei natal, onde están pendentes de licitación dous tramos e nos que as obras dos restantes non avanzan coa celeridade desexada. Igual ocorre co trazado do AVE a Galicia, que se prometera que ía estar listo para o 2012. Agora, cos datos xa na man, o novo ministro non se atreve a dar como certa esa data, pois é consciente de que vai ter que vir máis a miúdo por Galicia do que o facía a inefable Maleni. Agora ben, seguramente a data definitiva non debería ir máis aló do 2013, se como din os mentideiros Blanco está chamado a ser o rival de Alberto Núñez Feijóo nas eleccións autonómicas previstas para ese ano.

Finalmente, só queda por saber cales van ser os plans do novo ministro de Fomento para o aeródromo de Rozas, logo de ter anunciado no seu día a creación dun centro de reciclaxe de avións que quedou en nada. José Blanco acaba de declarar que vai seguir buscando novos usos para estas instalacións. De momento, a alguén xa se lle ocorriu unha utilidade. Así, a Consellería de Cultura ten previsto para o mes de xuño a celebración de dous concertos de música experimental no hangar.

En fin, o que falta por ver é se este novo Ministerio de Fomento con varios galegos no organigrama lle vai cambiar o ritmo ás obras que ten en Galicia, pero de momento a música soa ben.

Desexado corte de cinta

Luns, 10 de Novembro, 2008

Entre as razóns de por que aos gobernantes o que máis lles gusta é inaugurar autovías ou líneas de AVE seguramente estará o alivio que supón para o orzamento dos organismos que dirixen o ter acabadas as obras. Recordo que Felipe González non era nada amigo destes actos de corte de cintas, quizá porque primeiro non lle fixo falta rendibilizar en votos estos alardes de política de formigón e alcatrán e despois porque cando non lle saían as contas quizá xa era tarde para mudar os costumes.
Pola contra, o ex presidente da Xunta Manuel Fraga era capaz ata de inaugurar rotondas e boa proba dese interese por sacarlle partido a cada peso gastado polo seu goberno son as miles de placas que colgan en edificios oficiais.
A Xunta bipartita tamén colleu o hábito das inauguracións, malia que xa anunciou que vai ter a deferencia coa cidadanía de non utilizar este tipo de actos durante a vindeira campaña electoral.
O caso é que agora aínda non hai data oficial para os comicios autonómicos e por iso a apertura ó tráfico o venres dun novo treito de sete quilómetros da autovía do Cantábrico na Mariña levou ao Ministerio de Fomento a organizar un novo acto de autorecoñecemento co que se cadra se pretenda lavar a mala imaxe que a titular do departamento, Magdalena Álvarez, ten en Galicia. Pero aínda que poida parecer ridículo que tanta autoridade se movilice para cortar a cinta dun treito tan cativo e só unhas semanas despois de abrir outro similar na ponte dos Santos, o caso é que para unha comarca como a da Mariña e o seus veciños do occidente asturiano supón todo un acontecemento, logo de que despois de tantos anos de esquecemento por parte das administracións se consiga dotar a estes municipios costeiros dunha moderna vía de comunicación. Porque logo de que o Goberno de España deixara para o final os tramos galegos da autovía do Cantábrico e tendo en conta a lentitude coa que se desenvolveron as obras durante os últimos anos, xa había quen pensaba que nunca chegaría a ver aberta esta autovía, que so no pequeño treito entre Barreiros e Asturias pode aforrarlles aos condutores ata vinte minutos de viaxe.
Esta, unida a seguridade que aportan ó tráfico as autovías, son as vantaxes dunha obra que sen embargo deixa fóra de xogo ao resto de concellos mariñanos, que de momento só teñen o compromiso de ter algún día un corredor ata Ferrol que evite o paso polas vilas.
Entre as desvantaxes estarían o impacto ambiental que supón este tipo de infraestruturas ou a progresiva urbanización de novas zonas de costa. Aínda así, aos mariñans ninguén lles quita que o venres foi un día de festa logo de tanta espera pola chegada dos cortacintas.

Plans

Mércores, 11 de Xuño, 2008

Aínda que podemos ver nas beiras de máis dunha estrada carteis anunciadores de obras do Plan Galicia a Xunta acaba de finiquitar definitivamente ese plan de merda, como lle chamou Magdalena Álvarez, reinventado un propio con outro nome contundente: Plan Director de Estradas de Galicia. O PDEG, que nada ten que ver coas siglas do partido que preside Alberto Núñez Feijoo, prevé o investimento de 16.000 millóns de euros na rede viaria ata 2020, a metade aportados polo ministerio da señora antes citada e a outra pola Administración galega. Claro que se nos poñemos a comparar as propostas deste cobizoso programa atopamos algúns proxectos que nos soan xa anunciados por anteriores gobernos, como a autovía Pontevedra-A Cañiza ou a de Chantada-Monforte. E non é que un pense que en doce anos que quedan ata que se cumpla o plazo dado non se poidan rematar todas as infraestruturas, o que ocorre é que aos galegos tamén se lles poñen os pelos de punta, como á ministra, cando escoitan a un gobernante falar de plazos.
Ademais, se temos en conta que estamos a vivir unha etapa de crise, cunha baixada na recadación impositiva e un aumento dos prezos do petróleo, pode que non sexa o momento para falar dun plan a tantos anos vista. Porque se o que se trataba é de distraer a atención do persoal diante das protestas dos transportistas e pescadores para iso xa está o fútbol. Aupa selección!