Posts etiquetados ‘leite’

Guerra branca

Mércores, 28 de Novembro, 2012

Os gandeiros din que non aguantan máis e iniciaron onte unha folga de entregas, que non de traballo, xa que unha explotación non pode parar a súa produción porque as vacas non poden deixar de ser alimentadas e muxidas. Por iso estes empresarios se xogan moito neste pulso a unha industria e unha distribución que non respectan as súas marxes de beneficio e que, no caso dos últimos, están xogando co seu futuro usando o leite como un artigo de reclamo nas campañas de mercadotecnia. Pero os gandeiros e as organizacións que os representan teñen diante dous problemas á hora de afrontar unha decisión tan importante como a de intentar parar toda a cadea: que hai explotacións que están ao límite das súas posibilidades e non se poden permitir tirar o produto durante moitos días e que o mercado non entende de regulacións, por moito que prometan os políticos. Só mediante un apoio das administracións aos produtores con axudas directas, unha inspección implacable aos distribuidores e industrias que practiquen o dumping e a procura de liñas de negocio alternativo para as explotacións poderán impedir o peche de moitas e unha perda de emprego que pode afondar aínda máis a crise económica nunha comunidade cun sector tan importante como o lácteo. Porque nesta guerra branca xogámonos tanto todos os galegos como os propios gandeiros.

Pascual

Xoves, 26 de Novembro, 2009
Ao final resulta que a planta de Leite Pascual en Outeiro de Rei ten máis noivas do que se pensaba, pois a empresa burgalesa recoñece recibir ata seis ofertas de compra. Con todo, as dúas últimas, lideradas por sendas cooperativas agrícolas, son as que máis ruído levantaron por canto dispoñen do apoio dos grupos de oposición no Parlamento e conseguiron pór nun apreto ao Goberno da Xunta, que se mostrou remolón á hora de avalar os oito millóns de euros que suporía o custe final da operación. E canto máis interese xorde ao redor da fábrica lucense máis crecen as dúbidas sobre a decisión do Grupo Pascual de abandonar esta praza, cando logo presume na súa páxina web de incrementar o seu persoal nun 200% en dez anos e de contar con máis de 4.400 empregos directos.
Só faltaría que logo de meses de incerteza, negociacións e mobilizacións, a operación acabase como a errada venda de Opel a Magna e que unha vez conseguidos avais e axudas para a viabilidade da planta de Outeiro de Rei, a Pascual se lle ocorrese dicir, como a GM, pois agora non vendo. En todo caso sería un mal menor, porque a día de hoxe, os traballadores saben que nuns días a fábrica pode botar o peche definitivo.

Afectados

Martes, 14 de Xullo, 2009

Que te pille unha tractorada na rúa ou na estrada de volta dunha longa viaxe ou cando tés presa por chegar á casa ou ó traballo é un mal menor. Que os gandeiros pechen o supermercado cando vas facer a compra tamén é un mal menor. Os galegos, sobre todo lugueses e composteláns, están a sufrir estes días a semana branca, non a desa famosa cadea de centros comerciais, senón as xornadas de reivindicación que os gandeiros convocaron para chamar a atención de que o seu si que é un mal maior. Os prezos baixaron nun ano case que á metade e a moitas explotacións xa nin lles dá para cubrir custes. Pero como a súa é unha situación crítica que pode afectar tamén ao resto dos cidadáns das cidades e vilas do seu entorno, o seu xeito de protestar é botándose ás rúas cos aparatosos tractores e mudando a faciana urbana.
Como calquera protesta, esta ten moitos inconvenientes, pero o caso é que desta vez a sociedade está tan preocupada non só pola crise láctea senón pola situación económica en xeral que a comprensión cidadá e máis manifesta. O problema é que nesta ocasión a solución depende de moitos factores, entre eles, que o propio consumidor saiba de onde procede o leite que está a mercar, para deste xeito poder contribuír a salvar o sector lácteo galego. Ninguén nos gobernos está a mover ficha e se cadra quedan por diante moitas semanas brancas ata que os gandeiros cobren un prezo xusto polo leite. Paciencia franciscana porque afectados somos todos.

Afogados en leite

Luns, 6 de Abril, 2009

O sector lácteo galego leva décadas en crise. Antes de termos un sector como tal xa estaba en crise e agora que mesmo se doen da recesión ata os cepillos das igrexas os gandeiros volven tomar as rúas, encadéanse diante das empresas e ameazan con sacar os tractores ás estradas como xa fixeran hai dúas décadas.
Seica Europa, ese ente que vixía ata o sabor de todo o que comemos, é o culpable dos males do agro galego, aínda que grazas a ter copiado en Galicia o modelo dos franceses moitos labregos atoparon como facer rendible un xeito de vida que en séculos non sacou da pobreza aos seus devanceiros. Agora son eses mesmos gandeiros galos os que semellan estar afogando xa non só ás explotacións galegas, senón tamén ás empresas. Os sindicatos agrarios din que están a facer ‘dumping’, é dicir, vender por baixo do prezo de mercado, unha práctica que vén sendo usada desde que o capitalismo é ciencia económica para eliminar ao competidor e facerse coa súa cota de mercado, para logo subir os prezos e compensar o perdido. Nesta tarefa contan coa axuda das grandes superficies, a maioría tamén de capital francés, que usan o leite envasado en marcas brancas como reclamo para atraer clientes.
O caso é que desde esta semana unha empresa con fábrica en Lugo, Leche Pascual, deixou de recollérllelo leite a varios centos de gandeiros e os sindicatos din que o próximo vai ser o peche da factoría. Esta marca, que basea a súa estratexia comercial na calidade, está sendo unha das máis afectadas polo auxe desas marcas brancas, que xa representan máis da metade da leite envasada en España. Este dato vén nun estudo que se acaba de publicar e que desmonta en parte a teoría de que a importación masiva de leite francesa é a principal causa da crise do sector en Galicia. Fálase de que o consumo baixou en España a pesar de aumentar a poboación, de que a atomización das explotacións é aínda excesiva e provoca custes engadidos na loxística de recollida ou que o valor da materia prima representa o 40% do prezo final, o que deixa unha marxe de beneficio moi pequena para a rede de distribución.
As solucións, coma sempre, falan de reestruturacións que implican o peche de granxas ou a concentración en grandes explotacións, así como o apoio a aquelas empresas que apostan por darlle un valor engadido ao que se esperaba ía ser o ouro branco de Galicia, como por exemplo as queixerías. Hoxe celébrase en Vilalba a feira do queixo de San Simón da Costa, un produto singular que con algo de pulo podería gañar fama en Europa e dar unha alternativa a todo ese leite que agora podrece nos tanques. Iso ou volver a lamentarnos da mala sorte que ten Galicia.

Leite tirado

Martes, 23 de Setembro, 2008

O sector lácteo galego comezou o outono quente facendo ruído. Sumouse á guerra de prezos que está a liderar a industria cunha acción tan chamativa como inxusta nun mundo que deixa morrer nenos de fame. Os sindicatos verteron nunha cuneta os 25.000 litros de leite que transportaba un camión cisterna portugués. Pura demagoxia, dirán os gandeiros, xa que o único que defenden e precisamente o pan dos seus fillos, aínda que malia que ese leite nunca vai chegar ó África máis miserento, a min ensináronme a non apedrar nunca nin os corozos de pan.
O caso é que o tira e afrouxa entre industrias e produtores lácteos vai máis aló de andar abrindo as billas das cisternas. Ten que ver cun mercado que en teoría está protexido por Bruxelas, cun sistema de cotas que cada vez ten menos sentido nunha economía liberalizada e que precisamente por esa incapacidade de controlalo xenera situacións de sobreprodución que acaban aproveitando as empresas transformadoras. O ‘dumping’, que consiste en baixar os prezos a forza de mercar o leite máis barato noutros países, é xa que logo unha consecuencia dun modelo que semella ter os días contados, polo que ós afectados máis lles vale comezar a organizarse ou directamente reciclarse, porque a forza de envorcar cubas o único que van conseguir é que o cidadán so se fixe no dano inútil que supón estragar alimentos.