Tramas locais
Martes, 10 de Marzo, 2009A semana negra para os socialistas lugueses, logo de perder a Xunta e ver como todo o terreo gañado durante anos en votos na capital e na provincia se diluía, acabou coa dimisión dun político que estaba chamado a mandar algo máis do que ao parecer o acusa o anterior xefe de Tráfico. Jesús Otero tivo que conxugar ese verbo maldito para os políticos, que no caso dos cargo de libre designación é sinónimo de destitución, di que para defenderse, pero o caso é que aínda que sexa culpable ou inocente o dano xa está feito e a chamada trama das multas podería ter acabado cunha carreira política que iniciou hai cinco anos coa chegada de Rodríguez Zapatero á Moncloa.
O curioso deste asunto é que a diferenza doutros escándalos que están a protagonizar cargos públicos de distinta pelaxe, con corrupcións millonarias con ladrillo de por medio, aquí estase a falar dunha suposta chapuza á hora de facer favores coa retirada de multas de tráfico, algunhas delas relacionadas con alcoholemias, pero que en ningún caso serían por infraccións moi graves, posto que esas xa son tramitadas directamente nos xulgados. O fin último podería ser logo esa costume tan hispana do xa cho arreglo eu, co que funcionarios ou cargos da administración axilizan ou ralentizan determinados asuntos para favorecer a amigos ou parentes. O problema é que este tipo de ilegalidades, aínda que moitas veces toleradas, poden acabar por ser unha práctica demasiado habitual e sobre todo indignante para aqueles cidadáns aos que non lles queda máis remedio que abonar as multas ou achantar coas decisións administrativas.
Nesta suposta trama tamén chama a atención a cantidade de funcionarios implicados e, sobre todo, a obediencia debida coa que se tentan escusarse. Porque a diferenza dun militar, que pode chegar a xustificar unha actuación irregular por ter sido ordeada por un superior, un funcionario civil non só debe rexeitar que un superior lle mande cometer unha ilegalidade senón que ten a obriga de denunciar esa actuación. Deste xeito, a implicación de altos cargos por parte de funcionarios non tería por que ser un atenuante, aínda que está claro que o máis chamativo nun caso deste tipo é ver desfilar polos xulgados a cargos públicos e non a simples empregados.
O certo é que o culebrón das multas, como no seu día foi a ‘operación Muralla’, que ao parecer vai voltar a ser actualidade nas vindeiras semanas, dará xogo e non se descarta que poida haber máis dimisións se seguen a aparecer notas comprometidas entre os papeis incautados e se os acusados seguen a ‘cantar’. Se algunha vez me tiveran quitado unha multa en Tráfico xa non durmiría tranquilo. ¿Non si?