Posts etiquetados ‘imputados’

Dimitir

Xoves, 6 de Febreiro, 2014

Así está o ambiente na rúa

Será que o feito de estar xa vacinado contra calquera virus de credulidade dos políticos me fixo construír unha idea moi banal diso que se ven en chamar servizo público, pero malia estar curado de espanto, si que me chama a atención que haxa autoridades que apelen ao seu espíritu de entrega aos demáis para permanecer nos seus cargos malia que lles estea a chover enriba o diluvio universal.

Porque aínda que entendo ás persoas que se deciden a entrar en política (arriscando a presunción de decencia) para traballar polo ben dunha comunidade, resúltame bastante inquietante ese apego por permanecer nos cargos cando, tras verse envoltos en asuntos turbios, teñen o foco xudicial e a presión mediática enriba deles e do seu entorno. Os que se deciden a marchar, xa sexa antes ou despois dunha imputación, din que o fan para poder defenderse mellor, unha explicación asumida por todos como unha decorosa baixada de pantalóns, e que ten como recompensa inmediata o abandono da picota para deixarlle o sitio ao seguinte inculpado.

Claro que neste país de pantomima no que aínda hai quen se cree iso de que somos unha democracia consolidada, os que fan mutis son a mofa da caste dirixente e, por iso, que haxa alcaldes/esas, conselleiros/as ou presidentes/as que se gaben de non dimitir malia a estar de merda ata os colares, non é só un síntoma de putrefacción do sistema, tamén é marca España.

Imputados

Mércores, 13 de Abril, 2011
A política debería ser como un autobús de liña, no que os que baixan deixan sitio aos que soben, aínda que non sempre é así e hai quen a asume como profesión para toda a vida. Dise por exemplo que Manuel Fraga se subiu na súa vintena a un coche oficial e ninguén foi capaz de baixarlo ata hoxe, para ben ou para mal.
Fai días un político retirado confesábame que deu o paso de entrar no público pensando, sobre todo, na soldada e na pensión de xubilación. Un arrebato de sinceridade a touro pasado, pero á fin e ao cabo unha verdade da boa, como din eses auténticos ácratas aos que chamamos nenos.
Agora acabamos de saber que os dous grandes partidos presentan nas súas listas electorais a persoas imputadas en sumarios xudiciais, entre eles un presidente autonómico que seguramente arrasará a uns desabridos rivais. Os seus líderes, aínda máis indolentes, asumen con flema a vergoña de compartir siglas con quen non merece estar ao coidado da caixa de todos e renuncian a obrigarlles a baixarse antes da seguinte parada para non perder viaxeiros.
Non creo que a política sexa só unha cuestión de privilexios, diñeiro ou poder polo feito de mandar, aínda que moitos se empeñen en facérnolo crer así.