A pelexa
Sábado, 10 de Xaneiro, 2009Emilio Pérez Touriño prorrogou o luns de xeito indefinido as vacacións de Nadal dos deputados galegos logo de firmar o decreto de disolución do Parlamento. A maquinaria electoral dos partidos estaba en marcha desde hai meses e só quedaba anunciar a data dos comicios e mandar aos parlamentarios para casa á espera de que os seus respectivos partidos se decidan renovarlles o contrato catro anos máis. O presidente da Xunta elexiu finalmente o 1 de marzo como a data e onte disolveu o Parlamento, un xesto que copiou literalmente o lehendakari vasco, aínda que sen darlle tanta emoción ó desenvolvemento do proceso.
Galegos e vascos decidirán o futuro do seu país o primeiro domingo de marzo e a principal incógnita que se plantexa é saber se os actuais presidentes serán reelexidos. No caso de Juan José Ibarretxe, as enquisas din que o PSE vai ser o partido máis votado, aínda que o sistema electoral vasco, que prima o reparto provincial sobre o peso demográfico, seguramente axudará aos nacionalistas a repetir mandato, aínda que con menos marxe.
En Galicia a aposta vai ser a mesma que a de hai catro anos: bipartito ou PP. Calquera outra combinación carece de sentido político e ideolóxico e por iso neste pouco máis de mes e medio ata a cita electoral os tiros vanse cruzar entre estas dúas posicións. Algo de fogo amigo tamén vai haber, pero sen vítimas.