Posts etiquetados ‘gasoil’

Rebelión na estrada

Mércores, 18 de Xuño, 2008

O paro dos transportistas, logo de case unha semana, conseguiu un dos obxectivos de toda folga, chamar á atención. Porén, o máis importante, que sería pactar un acordo para solucionar o conflito, semella estar lonxe sobre todo polas posturas radicais que están a adoptar os convocantes e a parálise que amosou a Administración, que se viu obrigada a unha reacción contundente trala actuación descontrolada dos piquetes.
Malia a que en Lugo non se rexistraron máis incidentes que rodas picadas e algunha agresión, a polígono do Ceao foi o centro de operacións en Galicia da organización máis belixerante, que non dubidou en protagonizar cortes de tráfico na Autovía A-6 ou manter bloqueos á entrada das principais industrias lucenses. Deste xeito, o que se anunciaba como un peche patronal, convertíase nun problema que acabou por resentir a outros sectores como o gandeiro, que tamén están a atravesar un momento difícil pola suba dos combustibles.
A base da protesta é compartida pola maior parte da sociedade, porque tamén está o sufrir os efectos no seu peto, pero o que voltou a ser incomprensible é que unha situación de crise dun determinado sector que se resiste a asumir unha reconversión acabe por perxudicar a outros, provocando mesmo ameazas de regulamento de emprego.
O transporte arrastra dende hai anos un problema derivado dunha excesiva atomización, tentando competir os empresarios autónomos coas grandes flotas, máis eficientes e con maior carga de traballo. Nun momento de suba do prezo dos combustibles como o actual, a repercusión nas tarifas tarda en chegar, o que provoca o afogamento deses pequenos empresarios que ven que non cubren nin os seus gastos. A situación poderíase comparar á que se lle presenta a un comerciante dun barrio no que se inaugura un centro comercial ou a un hostaleiro a quen lle montan enfronte un restaurante de comida rápida. Nestes casos a competencia acaba xeralmente por afundir ao pequeno, pero no caso dos transportistas contan coa ventaxa de ter capacidade de paralizar en parte un país, cortando as estradas cos camións ou boicoteando aos que non queren parar.
Pero cando se chega a este punto, a solidariedade do cidadán corre o risco de converterse en xenreira, e o que en principio era unha protesta para pedir medidas a o Goberno vóltase nunha revolta gamberra con efectos económicos que acaban por afectar a todo o texido económico. E aínda que as crises dóenlles a uns máis ca outros, non hai por que aplicar o dito de mal de moitos… Digo.

Cheo, por favor

Domingo, 1 de Xuño, 2008

A frase máis común das estacións de servizo, que ata deu título hai anos a unha teleserie, supón hoxendía todo un risco para o noso peto se nos atrevemos a pronunciala diante do gasolineiro. Porque se encher un depósito nos custaba de media hai uns meses 50 euros, agora podemos chegar a pagar ata 80, e sempre que utilicemos o combustible normal, sen ningún aditivo desdes que as petroleiras nos publicitan dicindo que lle dan un mellor rendemento ao motor. Rendemento alo menos a eles si que lles da nos seus balances de beneficios.
Pero se a escada de prezos do crú estalle a dar unha labazada aos cidadáns, que xa empezan a usar con máis xeito os seus turismos, hai sectores aos que a suba do gasóleo estaos literalmente afogando, como o transporte ou o sector primario, xa que na súa conta de resultados hai un forte incremento do gasto sen que iso se reflexe nunha suba de tarifas ou prezos nos produtos que venden.
Os primeiros en botarse á rúa están a ser os pescadores, xa que ao ter o combustible subvencionado no tramo impositivo a suba do crú estalles repercutindo porcentualmente en maior medida. A Mariña de Lugo, que económicamente depende en gran parte deste sector, acolleu as primeiras manifestacións para dar a voz de alarma tanto pola propia suba do petróleo como pola entrada de pescado importado de menor calidade e a prezo moi baixo, advertindo así de que se non se toman medidas córrese o risco de enterrar definitivamente un modo de vida para moitas familias.
Pero malia que as protestas piden unha solución a uns gobernos que se exculpan por estar condicionados polas directivas europeas, o certo é que agricultores e pescadores tamén están criticando o papel das grandes distribuidoras de alimentación, que controlan o 80% do mercado e cobran o produto ata un 500% máis do que pagan en orixe. Din que ademais están a aplicar a suba do combustible sen que logo llelo abonen a eles, polo que finalmente os únicos afectados pola crise son o produtor e o consumidor, pero nunca o distribuidor.
Algo está a fallar e o propio mercado non é quen de regular unha suba do prezo do combustible e se cadra é aí onde debe intervir a Administración, porque se sabemos que, como din xa os expertos, o petróleo non vai voltar nunca máis aos niveis de hai un ano, é unha irresponsabilidade cruzarse de brazos e esperar a que comecen a saír á rúa pescadores, gandeiros, agricultores, camioneros, taxistas…