Posts etiquetados ‘Franco’

Paco e as súas medallas

Mércores, 28 de Decembro, 2011
A miña infancia non son recordos de ningún patio machadiano, senón dun puñado de abueletes ao abrigo do salón da miña casa repasando os seus achaques e augurando o desastre para un país orfo pola morte dun señor baixiño, con gorra de prato e co peito infestado de medallas. Anos despois cheguei a entender o cauto silencio do meu avó fronte á behemencia dos seus interlocutores na defensa de quen pasará á historia por usar primeiro o terror do paredón e logo o medo do illamento social ou o cárcere para conter calquera conato de subversión. Ao señor Elías collerao a Guerra Civil na madurez dos corenta, con varios fillos que manter e cun currículo republicano que tivo que esconder ata os seus oitenta. A pesar da obrigada discreción, a súa creo que foi unha vida feliz, a mesma que lles foi negada a aqueles que non puideron conter o seu odio ao ditador e aos que o arrouparon durante anos. 
Malia todo non creo que institucións caducas como a Deputación deban quitarlle nin unha soa desas medallas a Franco nin á Falanxe nin aos Primo de Rivera, como quere facer agora a de Lugo, porque son o mellor recordatorio do pavor no que sumiron durante décadas a millóns de persoas neste país. Ademais, tampouco me estraña que haxa deputados provinciais que, como alegan, non queiran entrar no xogo de quitar condecoracións, aínda que a eses o meu avó catalogábaos como mexamedallas.

O ‘dummy’

Xoves, 8 de Setembro, 2011

Dicían os que só se atrevían a criticar ao ditador con cuestións que non irritan tanto como para mandar ao ousado ao paredón, que a ‘Paco Medallas’ enganchábanlle os salmóns ao anzol baixo a auga cando se achegaba a pescar ao río Eo. E con esa lenda urbana acuñouse a frase «así llelos poñían a Franco», que nos vén a conta para describir a ponte de prata que os socialistas e, máis en concreto Zapatero, estanlle tendendo a un Mariano Rajoy a quen, tras verse noqueado en dous duelos anteriores, o sorriso nervioso de quen se ve xa presidente delátao agora nas súas comparecencias públicas. Ademais, fronte a el e a súa camada de ministrables, Rubalcaba parece un ‘dummy’ -un deses bonecos que se usan para probar os coches- preparado para darse a hostia pai xusto na data na que se recorda que aquel afortunado pescador colgou a cana.
E non é que se poña en dúbida a capacidade de xestión ou a versatilidade de quen chegou a ser ministro con dous dos cinco presidentes da nosa democracia, pois seguramente estamos ante un dos políticos máis hábiles e preclaros dos últimos anos. O problema é que a estas alturas do partido a prima de risco do PSOE está disparada e ofrece menos garantías que o ticket de compra dun bazar chinés. E só por iso, cando un imaxina que quedan por diante máis de dous meses ata a cita electoral, dan ganas de, como ocorre no rugby, pedirlle ao árbitro que pite o final e lle dea a vitoria ao PP por superioridade manifesta.