Posts etiquetados ‘Fondo Local’

A gastar

Xoves, 1 de Xaneiro, 2009

Vaise un ano de excesos e chega outro de contención, aínda que as administracións públicas da a sensación de que teñen un dobre fondo no peto, tendo en conta que os orzamentos están a medrar, sobre todo no capítulo de investimentos.
A solución para tentar frear a crise en sectores estratéxicos como a construcción chegou dende o Goberno de Zapatero, cun Fondo Estatal de Inversión Local presentado como se fose unha carta escrita polos alcaldes aos Reis Magos. A ver, en que queredes gastar estos cartiños que vos tocan? Eu quero unha praza nova, eu un camión contraincendios, pois eu amañar o polideportivo. Feito. E por se algún se sentise aínda discriminado polo criterio poboacional de adxudicación, pois aquí están as deputacións para facer de Papá Noel e engadir máis galanos.
E o resto de sectores afectados? Non se preocupen, que se xa tiveron o seu belisco os da banca, aos da automoción só lles queda rosmar algo máis e de seguro que terán o seu cheque.
Pero plans de reactivación e renove á marxe, o que recomendan os expertos é que, os que poden, é dicir os que aínda teñen traballo, deben consumir sen atrancos, que esa é a base do capitalismo. Pois vale, o que ocorre é que antes dixéronnos que a crise
chegou porque estabamos a vivir por enriba das nosas posibilidades. Así que mentres se aclaran e en tanto non se esgote a caixa pública o mellor é desfrutar e que nos quiten o ‘bailao’.