Posts etiquetados ‘Fomento’
Os puntos negros
Luns, 23 de Marzo, 2009A rede de estradas de Lugo pasa por ser unha das máis extensas de España e se cadra esa sexa unha das razóns pola que tamén se acaba de converter en campiona nacional de puntos negros. O Ministerio de Fomento ven de elaborar un listado de zonas de elevada siniestralidade e, a falta de investimentos para suprimilos, o que se lle ocorreu ó departamento que dirixe Magdalena Álvarez é sinalizalos para ver se así lle mete o medo no corpo aos condutores.
Deste xeito vanse instalar en distintos puntos da provincia un total de vintecinco cartelóns dun total de 33 en toda Galicia. A estrada máis conflitiva é a Nacional 540, que en pouco máis de cincuenta quilómetros rexistra ata sete puntos cunha elevada taxa de accidentes. Estamos a falar da vía que une Lugo con Ourense, onde está previsto desde hai máis de un lustro a construción dunha autovía da que só hai na actualidade un tramo en obras, mentres que dos outros sete aínda se está na fase de redacción dos proxectos. Claro que a posta en marcha de autovías tampouco ten por que supoñer a eliminación dos puntos negros, posto que mesmo na A-6 á altura do Concello do Corgo tamén se vai a proceder a avisar aos condutores do alto índice de accidentes.
E aínda que o número de mortes por accidente de tráfico nas estradas lucenses se está a reducir ao igual que no resto de España, o certo é que o estado das estradas deixa moito que desexar e logo de cada inverno duro como este último que sufrimos as calzadas resíntense e faise necesaria a reparación dos firmes, que nalgúns casos semellan campos de minas estouradas. As administracións titulares de cada unha delas deben investir unha morea de cartos no mantemento e nestes tempos de crise a demora na execución das reparacións increméntase.
A sinalización anunciada por Fomento forma parte dun convenio coa Dirección Xeral de Tráfico, máis partidaria de aplicar correctivos pola vía das sancións. Así, nestes tramos perigosos, ademais dos cartelóns, vanse instalar nunha fase posterior radares para controlar a velocidade. A medida chega xusto cando o Congreso dos Deputados acaba de aprobar unha iniciativa de CiU que pide que a recadación das multas se destine íntegramente a seguridade vial, sinalización de puntos negros e axuda ás vítimas dos accidentes. Trataríase de deixar na estrada os cartos que dela saen e de rematar co debate de se a DXT é só un instrumento de captación de fondos para a Administración.
Acabar co regueiro de mortes na estrada no é doado nin cubrindo de radares e carteis toda a rede de estradas, pero se cada un deles evitase unha soa traxedia xa estarían amortizados.
Desexado corte de cinta
Luns, 10 de Novembro, 2008Entre as razóns de por que aos gobernantes o que máis lles gusta é inaugurar autovías ou líneas de AVE seguramente estará o alivio que supón para o orzamento dos organismos que dirixen o ter acabadas as obras. Recordo que Felipe González non era nada amigo destes actos de corte de cintas, quizá porque primeiro non lle fixo falta rendibilizar en votos estos alardes de política de formigón e alcatrán e despois porque cando non lle saían as contas quizá xa era tarde para mudar os costumes.
Pola contra, o ex presidente da Xunta Manuel Fraga era capaz ata de inaugurar rotondas e boa proba dese interese por sacarlle partido a cada peso gastado polo seu goberno son as miles de placas que colgan en edificios oficiais.
A Xunta bipartita tamén colleu o hábito das inauguracións, malia que xa anunciou que vai ter a deferencia coa cidadanía de non utilizar este tipo de actos durante a vindeira campaña electoral.
O caso é que agora aínda non hai data oficial para os comicios autonómicos e por iso a apertura ó tráfico o venres dun novo treito de sete quilómetros da autovía do Cantábrico na Mariña levou ao Ministerio de Fomento a organizar un novo acto de autorecoñecemento co que se cadra se pretenda lavar a mala imaxe que a titular do departamento, Magdalena Álvarez, ten en Galicia. Pero aínda que poida parecer ridículo que tanta autoridade se movilice para cortar a cinta dun treito tan cativo e só unhas semanas despois de abrir outro similar na ponte dos Santos, o caso é que para unha comarca como a da Mariña e o seus veciños do occidente asturiano supón todo un acontecemento, logo de que despois de tantos anos de esquecemento por parte das administracións se consiga dotar a estes municipios costeiros dunha moderna vía de comunicación. Porque logo de que o Goberno de España deixara para o final os tramos galegos da autovía do Cantábrico e tendo en conta a lentitude coa que se desenvolveron as obras durante os últimos anos, xa había quen pensaba que nunca chegaría a ver aberta esta autovía, que so no pequeño treito entre Barreiros e Asturias pode aforrarlles aos condutores ata vinte minutos de viaxe.
Esta, unida a seguridade que aportan ó tráfico as autovías, son as vantaxes dunha obra que sen embargo deixa fóra de xogo ao resto de concellos mariñanos, que de momento só teñen o compromiso de ter algún día un corredor ata Ferrol que evite o paso polas vilas.
Entre as desvantaxes estarían o impacto ambiental que supón este tipo de infraestruturas ou a progresiva urbanización de novas zonas de costa. Aínda así, aos mariñans ninguén lles quita que o venres foi un día de festa logo de tanta espera pola chegada dos cortacintas.
Plans
Mércores, 11 de Xuño, 2008Aínda que podemos ver nas beiras de máis dunha estrada carteis anunciadores de obras do Plan Galicia a Xunta acaba de finiquitar definitivamente ese plan de merda, como lle chamou Magdalena Álvarez, reinventado un propio con outro nome contundente: Plan Director de Estradas de Galicia. O PDEG, que nada ten que ver coas siglas do partido que preside Alberto Núñez Feijoo, prevé o investimento de 16.000 millóns de euros na rede viaria ata 2020, a metade aportados polo ministerio da señora antes citada e a outra pola Administración galega. Claro que se nos poñemos a comparar as propostas deste cobizoso programa atopamos algúns proxectos que nos soan xa anunciados por anteriores gobernos, como a autovía Pontevedra-A Cañiza ou a de Chantada-Monforte. E non é que un pense que en doce anos que quedan ata que se cumpla o plazo dado non se poidan rematar todas as infraestruturas, o que ocorre é que aos galegos tamén se lles poñen os pelos de punta, como á ministra, cando escoitan a un gobernante falar de plazos.
Ademais, se temos en conta que estamos a vivir unha etapa de crise, cunha baixada na recadación impositiva e un aumento dos prezos do petróleo, pode que non sexa o momento para falar dun plan a tantos anos vista. Porque se o que se trataba é de distraer a atención do persoal diante das protestas dos transportistas e pescadores para iso xa está o fútbol. Aupa selección!