Posts etiquetados ‘folga’

Folgados

Mércores, 12 de Decembro, 2012

Non sei como se fixo coa miña dirección de correo electrónico, pero o outro día recibín unha carta do presidente de Iberia na que quería pedirme perdón pola convocatoria de folga en Nadal, mentres se lamentaba de que a compañía perdía un millón de euros ao día. Non adoito usar moito o avión, pero a última vez paguei polo billete de volta en Iberia o triplo do que me custou o de ida nunha compañía low cost e aínda que é verdade que me sentín máis seguro no voo de regreso, iso non implica que vexa lóxica tal disparidade de prezos. Pero os queixumes do presidente de Iberia, que por certo non informaba de que o seu soldo rolda tamén o millón de euros ao ano, parecen ter efecto e os sindicatos xa anunciaron a desconvocatoria do paro por “respecto” aos usuarios nunhas datas tan sinaladas. O argumento soa tan hipócrita como o que usou na súa misiva o directivo da compañía, xa que nunca antes nin pilotos nin controladores nin maleteiros tiveron a máis mínima compaixón polos pasaxeiros que quedaban tirados nun aeroporto ou que tiñan que renunciar ás súas vacacións por culpa dun tira e afrouxa salarial. Os traballadores de Urbaser anuncian agora unha folga tan ou máis desagradable que un bloqueo aéreo, xa que van deixar de recoller o lixo en Nadal nas cidades onde levan este servizo porque comité e empresa non dan pactado unha suba salarial. Ao usuario, indefenso ante uns e outros, só lle queda o dereito á pateadura ou recordar aquela frase do xenial Fernando Fernán Gómez: “¡Á merda!”.

Guerra branca

Mércores, 28 de Novembro, 2012

Os gandeiros din que non aguantan máis e iniciaron onte unha folga de entregas, que non de traballo, xa que unha explotación non pode parar a súa produción porque as vacas non poden deixar de ser alimentadas e muxidas. Por iso estes empresarios se xogan moito neste pulso a unha industria e unha distribución que non respectan as súas marxes de beneficio e que, no caso dos últimos, están xogando co seu futuro usando o leite como un artigo de reclamo nas campañas de mercadotecnia. Pero os gandeiros e as organizacións que os representan teñen diante dous problemas á hora de afrontar unha decisión tan importante como a de intentar parar toda a cadea: que hai explotacións que están ao límite das súas posibilidades e non se poden permitir tirar o produto durante moitos días e que o mercado non entende de regulacións, por moito que prometan os políticos. Só mediante un apoio das administracións aos produtores con axudas directas, unha inspección implacable aos distribuidores e industrias que practiquen o dumping e a procura de liñas de negocio alternativo para as explotacións poderán impedir o peche de moitas e unha perda de emprego que pode afondar aínda máis a crise económica nunha comunidade cun sector tan importante como o lácteo. Porque nesta guerra branca xogámonos tanto todos os galegos como os propios gandeiros.

Consultar os recortes

Martes, 20 de Novembro, 2012

Os sindicatos convocantes da folga do 14-N cren que logo do seguimento acadado hai  xustificación para cambiar as políticas de recorte implantadas polo Goberno de Mariano Rajoy e secundadas por obrigación ou devoción polo resto de administracións. Ademais, poñen como exemplo que as tornas poden mudar a mobilización social contra os desafiuzamentos por mor dos recentes suicidios de dous propietarios afectados, e que provocou que a patronal bancaria anunciara que non executará desaloxos en casos de extrema necesidade e que o Executivo dixera que vai aprobar medidas urxentes ante a alarma xerada por estes casos. “Se se quere, pódese” é a idea que queren transmitir os que cren que a gran maioría da poboación non considera que as políticas de axuste e desregularización sexan a mellor saída á crise xa sistémica na que estamos sumidos. Por iso expoñen a convocatoria dun referendo no que todos elixamos entre perder dereitos adquiridos e pasar varios anos máis de flaxelación ou rexeitar o que nos programan desde Madrid, Bruxelas e Berlín para buscar alternativas. Hai quen cre que o pobo xa falou en citas electorais como a do 21-O, onde o PP recibiu en Galicia un apoio maioritario ás súas políticas, pero como me consta que moitos votantes populares tampouco están de acordo con tanto tesoirazo, quizais para evitar futuras folgas o mellor sería deixar falar aos españois para que aclaren que é o que queren.