Posts etiquetados ‘Fin de Ano’

A nova do ano

Luns, 22 de Decembro, 2008

Os medios de comunicación afánanse estes días en buscar a nova do ano, un xogo co que os periodistas tentan saber cales son para a súa audiencia os temas de maior interese e deste xeito se cadra decidir que se debe logo destacar en vindeiras ocasións.
Entre a maioría dos enquisados as dúas principais novas que consideran de maior importancia son o trunfo electoral do demócrata Barak Obama en Estados Unidos, que se convertirá o vindeiro mes no primeiro presidente negro da historia deste país, e a situación de crise económica mundial iniciada precisamente a raíz da quebra das hipotecas basura americanas. Esto pódenos dar unha idea de que ó final as novas que marcan a actualidade soen vir do mesmo sitio, aínda que o certo é que a experiencia dinos que os acontecementos que máis lle interesan ós cidadáns son aqueles que se producen no seu entorno. Esa é a base do xornalismo local e rexional e a proba que mellor pode argumentar esta afirmación é o feito de que xornais como El Progreso cheguen a cumplir cen anos sendo líderes no seu territorio.
Por iso que postos a buscar noticias do ano en Lugo atopamos por exemplo a moción de confianza superada polo alcalde José López Orozco, a consagración de Alfonso Carrasco Rouco como bispo da diócese lucense ou o afundemento do barrio do Celeiriño en Viveiro. Segundo sexa a cor política duns e outros tamén se podería falar da apertura de novos tramos de autovía ou estrada nunha provincia que sempre recibe cos brazos abertos calquera infraestrutura, aínda que a nova tamén poderían ser os retrasos que acumulan obras como a autovía a Santiago ou a nova ponte do Miño. No capítulo de sucesos tamén temos máis dun crime e algún roubo sonado, aínda que iso queda para os amantes da crónica negra.
Claro que para moita xente a noticia do ano non ten porque saír nos xornais, tamén pode ter que ver coa súa vida privada, e de seguro que no seu entorno ben pode ser considerada así. Deste xeito cada un podería considerar como acontecemento do ano a súa voda, o nacemento dun fillo, un cambio de traballo o a morte dun familiar.
Un bo entretemento logo para estes días de Nadal pode ser tentar descubrir cal é para nós e para os nosos acheados a noticia do ano, tendo en conta todos os factores citados. Seguro que non haberá tantas coincidencias como se poida pensar, así que ánimo.