Posts etiquetados ‘Ferrol’

Pactar

Xoves, 30 de Outubro, 2008

José López Orozco xa non é o ‘llanero solitario’ dos alcaldes socialistas das grandes cidades galegas. Vicente Irisarri acábase unir a el, emulando esa irmandade oficial que existe entre Lugo e Ferrol. A chama que prendeu a bomba foi o rexeitamento dos ata agora socios de Esquerda Unida a darlle máis poderes ao rexedor adaptando o regulamento municipal á Lei de Grandes Cidades. O rexedor lucense xa o logrou cambiar no anterior mandato, pero amparado por unha maioría absoluta que perdeu nas eleccións do pasado ano. Por iso a López Orozco estalle resultando máis fácil gobernar en minoría e só á hora de pactar os orzamentos locais é cando se ve obrigado a rebaixar a tensión dialéctica coa oposición para entornar o todos a unha.
A Irisarri, que onte anunciou que a partir de agora gobernará cos seus nove concelleiros fronte aos 16 dos catro partidos rivais, resultaralle máis difícil a tarefa pois a falta do regulamento anhelado terá que facer múltiples combinacións para chegar a pactar. Por iso quizá o alcalde ferrolán apela ao diálogo como base do seu programa. E é que non lle queda outra que aplicarse a famosa frase coa que o defunto José María Cuevas arengaba aos empresarios: “Negociade; e cando a negociación se poña imposible, seguide negociando”.