Posts etiquetados ‘Fernando Blanco’

Petróleo galego

Xoves, 5 de Xuño, 2008

Non sei se Fernando Blanco quería emular a Mad Max na procura de combustible para o seu vehículo ou se só tentou responder con retranca á posibilidade de volver a facer prospeccións petrolíferas en Galicia, como xa o tentara un dos antecesores no cargo, o ferrolán Juan Fernández, alá polo ano 1993, sen ningún éxito e provocando nas contas do departamento un burato duns 6 millóns de euros. “Aínda se acabou de pagar o crédito no 2005”, dixo o conselleiro de Innovación para xustificar que aventuras deste tipo teñen o seu risco. Naquela anterior febre do ouro negro, desde a Xunta ata se calculaban os beneficios para a comunidade en caso de facerse realidade o achado: corredoiras convertidas en autoestradas, servizos públicos gratuítos e se cadra ata limusinas para os conselleiros.
O final xa o coñecemos e nin Manuel Fraga acabou tratando cos xeques da OPEP e por algunhas autovías proxectadas daquela aínda seguimos esperando. Agora, malia que o do petróleo segue a ser un negocio rendible, sempre que se atope, o que está a pedir a sociedade son investimentos en enerxías renovables e campañas para reducir o consumo ou utilizar o transporte público, e iso tamén custa cartos, pero neste caso a aposta é máis segura, aínda que iso si, non dá lugar a facerse moitas ilusións. Vai ser que o petróleo galego segue a estar nas súas rías, nas explotacións gandeiras ou na industria textil ou do automóbil. O resto son como as contas da leiteira.