Posts etiquetados ‘Feijoo’

Mensaxes de Nadal

Martes, 6 de Xaneiro, 2009

Será pola falta de costume ou polos malos recordos que as mensaxes institucionais ou ben xeneran intranquilidade ou as máis das veces desinterese. Sen embargo, este Nadal a polémica rodeu a tradicional mensaxe de Noiteboa do rei Juan Carlos, malia que PSOE e PP unisen forzas para apoialo, logo de que IU e os nacionalistas vascos e cataláns criticasen a falta de alusións a cuestións como o financiamento autonómico ou que falase de crise sen mencionar o gasto que supón cada ano a Casa Real.
O caso é que a intervención navideña do xefe do Estado non pasaría de ser un brindis nunha noite en familia se non fose porque é o seu único discurso televisado do ano e no que debería facer balance sobre a situación do país. Por iso cando se olvida de citar cuestións candentes, como xa fixera no ano 2003 cando evitou referirse á guerra de Irak nun momento no que gran parte da poboación española estaba en contra da participación española, as críticas desde aquelas forzas políticas que non comulgan coa Coroa fanse notar máis. Neste último discurso sen embargo si que tocou o Rei o problema que máis está a preocupar aos seus súbditos, a crise. Animou a todos a tirar do carro, aínda que a receita ten máis de animosa que de efectiva.
Pero por se fora pouco un discurso institucional cada Nadal, os presidentes autonómicos apuntáronse dende hai anos á moda de ofrecer mensaxes de Fin de Ano. Televisadas polas canles públicas de cada comunidade, nelas, como foi no caso da última ofrecida polo socialista Emilio Pérez Touriño, aproveitan para facer balance e, se é o caso, presentar a súa tarxeta para a reelección nos comicios autonómicos, que en Galicia serán xa o vindeiro 1 de marzo.
Touriño, que o pasado verán fixo oídos xordos ás recomendacións do seu partido para que adiantase as eleccións e non coincidisen coa fase máis aguda da crise, tivo que centrar o seu discurso na situación económica crítica que se está a vivir e que aínda non ten visos de que amaine. Foi case como un auto de fe co que admitir que o 2009 non vai ser tan próspero como nos desexamos, aínda que tamén hai que dicir que a valentía en política ás veces ten recompensa.
E como estamos xa en precampaña, o líder da oposición en Galicia e aspirante a presidente da Xunta tamén lles regalou aos galegos unha mensaxe de Nadal e nun escenario bucólico. Núñez Feijoo, como se esperaba, describiu un panorama negro e presentouse como á alternativa para mudar a cor.
Vista esta afección polos discursos navideños e as baixas audiencias televisivas que xeneran, os asesores deberían de ir pensando en mudar o formato e mesmo apostar por internet, o medio onde as mensaxes hai que saber vendelas se queremos que sexan recibidas.