Tempos de fame
Xoves, 1 de Maio, 2008Escoito e leo informacións e comentarios sobre a crise alimentaria que din está a afectar xa ao terceiro mundo e chego á conclusión de que hai problemas que se daban por resoltos, como a fame negra, pero que reaparecen cíclicamente sen que ninguén faga nada por previla.
A principal causa desta situación que pode chegar a desestabilizar rexións e ata continentes din que é a suba de prezos dos alimentos básicos, como arroz, trigo, millo, por culpa das malas colleitas nalgunhas zonas ou polo auxe dos biocarburantes, unha situación que están a aproveitar os especuladores para facer caixa ante a crise que viven outros sectores.
O problema xa viña sendo denunciado por algunhas organizacións como a FAO ou as ONGs que traballan nos países máis pobres, pero só cando unha cadea de alimentación estadounidense anuncia que vai restrinxir a venda de arroz é cando o primeiro mundo se decata do desaxuste que sofre o mercado. Claro que o que para un estadounidense medio non deixa de ser unha anécdota, posto que o incremento do prezo deste alimento ata nun 140% no que vai de ano pouco vai influir na súa economía, para unha familia dun país pobre como Bangladesh se cadra acaba por poñer en perigo o seu sustento diario.
Os efectos da malnutrición poden deixar ademais secuelas para toda a vida nos nenos que sufran a que pode ser a primeira gran crise humanitaria dun século no que ata o de agora o que máis nos preocupaba era o cambio climático. Se cadra alguén se esqueceu de que a fame no mundo é aínda unha problema sen erradicar.