Posts etiquetados ‘Eleccions’

Piropos

Xoves, 12 de Febreiro, 2009

Un centro comercial lugués está a organizar entre os seus clientes a segunda edición dun concurso de piropos que ao parecer tivo moita aceptación o pasado ano. O certame coincide coa celebración esta semana do día de San Valentín, malia que é sabido que para loubar os atributos dalgunha moza ou mozo non fai falta estar namorado. Porque é o inxenio é tamén o bo humor o que se tenta premiar con esta iniciativa, que quizá habería que facela tamén extensiva aos políticos en campaña, que axudados por asesores-guionistas cada vez utilizan máis a retranca para gañarse ao cidadán. É certo que o nivel de comentarios velenosos baixou moito desde a retirada de Alfonso Guerra, auténtico gurú do socialismo de estacazo, pero os últimos acontecementos a conta da trama de corrupción en concellos gobernados polo PP ou do gasto en reformas do executivo da Xunta están fomentando o cruce de saúdos nada agarimosos, que inclúen ata o desenterramento dos  casos GAL e Filesa.
A lama sempre foi o medio no que mellor se defenderon moitos políticos, pero eso non quita que dentro do pozo haxa que desbotar a imaxinación. Eu propoño logo un concurso. A ver quen lle manda o recado máis traballado ao rival político antes do 1-M. De momento gaña puntos unha perla de Quintana: “O PP é renovador. Cambia un candidato en 21 días”.

O voto lonxano

Luns, 2 de Febreiro, 2009

Acaba de aclaralo a Xunta Electoral Central. Levar o DNI ou algún tipo de identificación para votar desde a emigración non é ningunha “carga desproporcionada”. A polémica xurdiu logo dun recurso do PSOE no que pedía retirar este requisito, porque non se contempla na Ley Electoral e porque podería introducir máis confusión entre os residentes ausentes que quixeran votar. Os argumentos, que desde PP e BNG se consideran peregrinos, foron desmontados coa decisión da XEC, aínda que o feito de que moitos dos chamados a votar no exterior sexan fillos ou netos de emigrantes e non teñan os papeis ao día seguramente vainos botar atrás á hora de participar nas eleccións do 1-M.

Pero o certo é que a obriga de identificarse diante da Administración para calquera trámite nunca debería considerarse como unha carga e menos para garantir que un proceso electoral sexa limpo. O que ocorre é que o voto emigrante sempre serviu de arma arroxadiza para os partidos políticos e os máis apoiados sempre fixeron por manter o ’status quo’ ata que se viron superados polo rival. No actual contexto, cun PSOE asentado no poder no Goberno central e superando en votos a PP e BNG na emigración, é lóxico que pida que non se maree a perdiz e que aqueles que puideron votar sen ningún atranco hai catro anos o poidan volver facer, malia o risco de que alguén chegue a votar mesmo por un morto.

O caso é que se estiveramos a falar dun cento de sufraxios seguro que non se ían poñer tantas obxeccións, pero o problema é que o censo de residentes galegos no exterior con dereito a voto é similar ao electorado das provincia de Lugo ou Ourense. Son 334.000 cidadáns os chamados a votar e a súa capacidade de decisión é tal que arestora mesmo pode supoñer que o vindeiro Goberno galego sexa dunha cor ou doutra. As últimas enquisas falan de que o bipartito vai conseguir restarlle dous escanos ao PP, sen embargo, as porcentaxes aínda danlle esperanzas aos populares, que agora ven no voto emigrante unha ameaza de cara a tentar voltar a gobernar Galicia. Por esta razón e hai que pensar tamén que para garantir a limpeza do proceso, pediron que xa que aínda non posible que o voto no exterior se faga en urna, a lo menos se adxunte coa papeleta algún tipo de identificación, ben a fotocopia do DNI ou do pasaporte.

Seica na Arxentina, onde está a maior colonia galega no exterior, hai bastante cabreo coa decisión da Xunta Electoral e se cadra por iso ao alcalde de Lugo, de xira esta semana pola quinta provincia galega, se lles escapou unha recomendación algo polémica. Animou a ir votar aínda con documentos caducados. Claro que o problema destas invitacións é que se corre o risco de que a papeleta dun acabe no lixo e xa se sabe que un voto ata pode chegar a decidir un presidente.

A pelexa

Sábado, 10 de Xaneiro, 2009

Emilio Pérez Touriño prorrogou o luns de xeito indefinido as vacacións de Nadal dos deputados galegos logo de firmar o decreto de disolución do Parlamento. A maquinaria electoral dos partidos estaba en marcha desde hai meses e só quedaba anunciar a data dos comicios e mandar aos parlamentarios para casa á espera de que os seus respectivos partidos se decidan renovarlles o contrato catro anos máis. O presidente da Xunta elexiu finalmente o 1 de marzo como a data e onte disolveu o Parlamento, un xesto que copiou literalmente o lehendakari vasco, aínda que sen darlle tanta emoción ó desenvolvemento do proceso.

Galegos e vascos decidirán o futuro do seu país o primeiro domingo de marzo e a principal incógnita que se plantexa é saber se os actuais presidentes serán reelexidos. No caso de Juan José Ibarretxe, as enquisas din que o PSE vai ser o partido máis votado, aínda que o sistema electoral vasco, que prima o reparto provincial sobre o peso demográfico, seguramente axudará aos nacionalistas a repetir mandato, aínda que con menos marxe.

En Galicia a aposta vai ser a mesma que a de hai catro anos: bipartito ou PP. Calquera outra combinación carece de sentido político e ideolóxico e por iso neste pouco máis de mes e medio ata a cita electoral os tiros vanse cruzar entre estas dúas posicións. Algo de fogo amigo tamén vai haber, pero sen vítimas.

Culebrón de verán

Luns, 1 de Setembro, 2008

Remata agosto coa sensación de ter enterrado outro culebrón informativo de verán, deses que se alimentan dende os medios de comunicación para tentar cubrir o oco que deixa a inactividade estival.
Finalmente, Emilio Pérez Touriño anunciou logo de semanas de especulacións e declaracións dende os diferentes partidos que ten intención de esgotar a lexislatura e se acaso convocar as eleccións autonómicas só uns meses antes de xuño para non coincidir cos comicios europeos.
Razóns para adiantar ou esgotar ten e o que fixo o presidente da Xunta foi poñelas todas nunha balanza e decidirse. Se cadra na decisión pesou o terse perdido o efecto sorpresa e atoparse fronte a un Partido Popular e un Bloque Nacionalista Galego armados xa de argumentos para descubrir que os socialistas de verdade están moi preocupados pola crise económica.
Agora o que se abre a partir de mañá é un curso político marcado por unha longuísima precampaña que vai durar cinco meses. A visita do presidente Zapatero a Galicia xa foi un adianto da estratexia na que se baseará o PSOE para tentar manter o Goberno: pulo ao proxecto do AVE en Galicia para que se visualice tanto no BOE como no terreo que a data de chegada do tren rápido pode ser 2012. Xa a nivel interno, estes meses daranlle tempo ao bipartito para sacar adiante varios proxectos de lei, inaugurar algunha que outra obra e adxudicar o millonario concurso eólico, do sacarán partido as empresas e tamén os propietarios de montes.
Todo un panorama que semella ideal para un Goberno de cara a afrontar unha reválida electoral senón fora porque o país está a vivir como o resto de España unha situación de crise económica que os expertos din que pode ir a máis. É de supoñer que entre os cálculos que fan Touriño e os seus asesores está que a merma de votos que pode supoñer esta situación pode estar xa descontada, mentres que as familias, principais perxudicadas pola subida de prezos e das hipotecas, xa se amarraron o cinto e están preparadas para afrontar o difícil inverno. Ademais, a maioría dos galegos xa saben o que é pasar por atrancos económicos, e de feito a época de vacas gordas apenas se notou por estas latitudes.
Superada logo a situación de interinidade do Goberno galego vivida en agosto, queda por diante un final de lexislatura que se presume que terá ritmo de ‘Champions’ para os tres grandes partidos galegos. A final será previsiblemente en marzo, se o presidente quere, claro.

Por que adiantar

Luns, 11 de Agosto, 2008

Non vai haber presións dende Madrid. As recomendacións chegarán directamente do medo a desandar o camiño percorrido. Emilio Pérez Touriño debátese nese mes de lecer entre a sana intención de esgotar mandato, aínda que cun pequeno adianto para non coincidir coas europeas, ou convocar para novembro a que será a súa reválida como presidente da Xunta. Razóns non lle faltan para querer cumplir cos seus electores e apurar o tempo para que o balance de goberno sea o máis positivo posible. Porén, hai varias premisas que inclinan as pesas da roldana cara á opción do adianto.
1. Crise. É a máis importante e se cadra a que máis asusta aos dirixentes do PSOE. A chamada desaceleración económica motivada principalmente polo parón na construción e a suba do petróleo vai camiño de superar á crise vivida tralos fastos do 92, coa diferenza de que agora os problemas de liquidez non están nas arcas públicas senón nas familias, de onde saen os votos.
2. Oposición renovada. O PP xa fixo os deberes coa limpeza liderada por Rajoy no congreso de Valencia. En Galicia xa se fixera antes coa marcha de Fraga ao Senado e o traspaso de poderes a Núñez Feijoo. O político ourensán sabe que será difícil gañar a maioría, pero as furnas xa deron máis sorpresas. O tempo pode xogar ao seu favor.
3. Vantaxe nas enquisas. Aínda que coa marxe de erro que teñen os sondeos, arestora o PSdeG está a ter máis intención de voto que o PPdeG, mentres que o BNG mantén posicións. Unha sucesión de malos datos económicos, unha vaga de lumes ou atrasos en prazos de infraestruturas poden facer cambiar a tendencia.
4. O socio non arrinca. Os nacionalistas non o teñen nada claro. Non están a rendibilizar a cota de poder na Xunta e non conseguen atraer ás novas xeracións de votantes como nos tempos do beirismo. Os mozos urbanos están a mirar cara aos dous grandes. Un adianto podería coller a contrapé aos socios do bipartito e mesmo deixalos sen coches oficiais despois das eleccións. Pero Touriño semella ter un pacto de cabaleiros con Quintana para esgotar mandato. Claro que amiguiños si, pero…
5. Outono quente. O peche de empresas e o aumento do paro pode botar á rúa a moitos. Os bispos e as vítimas do terrorismo deixarían paso agora aos manifestantes de toda a vida, os currantes. E eles si que poden decidir unhas eleccións.

Conxura socialista

Luns, 28 de Xullo, 2008

Zapatero celebrou esta semana os seus cen primeiros días de Goberno nos que se cadra o único que realmente lle salíu ben foi o congreso do seu partido no que de novo foi aclamado polos seus e apuntalou unha executiva afín. Nela cobrou aínda máis protagonismo se cabe o lucense José Blanco, consolidado como o Alfonso Guerra da era ZP e que a partir de agora podería estar xogando a baza de rachar coa imaxe de home de partido, acostumbrado ás pelexas corpo a corpo coa oposición, para mudala pola de político de cara amable cun perfil máis acorde co dun candidato a ocupar un posto de goberno.
Pero mentres Zapatero se decide a incluílo no seu equipo de Moncloa, o certo é que os socialistas voltan a ser protagonistas esta fin de semana pola celebración dun congreso en Galicia no que seguramente terá moito que ver o propio Blanco ou máis ben os seus achegados. Aínda que Emilio Pérez Touriño semella ter carta branca para acometer unha renovación na executiva do PSdeG, está claro que ás portas dunhas eleccións autonómicas o que menos precisa é de compañeiros cabreados no partido e por iso o XI Congreso está chamado a ser o da unidade.
A aposta vai ser clara, aínda que non se vai dicir en alto para non ofender ós socios. O reto é tentar que as vindeiras eleccións supoñan un incremento de deputados no Pazo do Hórreo que, malia a non chegar á maioría absoluta, si posibilite un goberno menos condicionado polo BNG ou incluso en solitario. Da cita desta fin de semana tamén haberá de saír a reflexión de Touriño sobre cal debería ser o mellor momento para convocar os comicios. Hai uns meses o presidente da Xunta deixou entrever como posible data marzo, dado que non quere que coincidan coas eleccións ó Parlamento Europeo. Sen embargo, o feito de que a crise económica pode tomar tintes preocupantes despois do verán e que o Partido Popular está a facer deste problema a folla de ruta da súa oposición, poderían obrigalo a reconsiderar as datas.
O que si está claro é que os socialistas galegos teñen diante súa as mellores perspectivas electorais en Galicia da Democracia e a súa capacidade de administrar esta renda será a que decidirá se Emilio Pérez Touriño é quen de cambiar unha situación na que o Partido Popular, malia a perder cotas de poder, segue a manter o liderazgo político na comunidade. Danse logo moitos condicionantes para facer das autonómicas galegas un campo de probas para calibrar a capacidade dos socialistas para superar atrancos. Veremos logo os resultados da conxura que se prepara hoxe en Santiago.