Autores
Xoves, 7 de Maio, 2009Os dereitos de autor son algo máis serio do que está a transmitir esa sociedade recadadora chamada SGAE con formas propias dun estado policial. Que as ideas ou obras orixinais teñan un custe para quen as queira usar é lóxico, porque a todos nos gusta ter unha recompensa polo traballo feito, agora que xa non é tanto tentar meter no saco da criminalidade a aqueles que escaquean o famoso canon con ameazas e citacións xudiciais como se dunha facenda pública se tratase.
Os xestores desta entidade privada, que di aglutinar a 80.000 asociados, contan ademais co apoio das administracións, que non dubidan en utilizar recursos policiais e xudiciais para combater a insubmisión de empresarios ou particulares. En compensación, a SGAE sorpréndenos ás veces con decisións polémicas en aras da defensa da propiedade intelectual. A última perla foi a reclamación o 10% da recadación dun concerto benéfico de David Bisbal en Almería. Logo das críticas recibidas e sen alegar descoñecemento dos fins do recital, a SGAE devolveu os 5.000 euros cobrados, non sen antes botar as culpas aos que non solicitaron en tempo e forma a cesión gratuíta do repertorio. Está claro que esta sociedade ten avogados e economistas dabondo, pero tampouco lle viría mal algún asesor de imaxe.