Posts etiquetados ‘derbi’

Derbi

Xoves, 2 de Decembro, 2010
Tería que disputarse un Barça-Madrid todas as semanas para reunir a forza das dúas españas futbolísticas que non poden vivir unha sen a outra e tratar de que esa tensión case sexual no puxese as pilas fronte ao pesimismo que nos afoga. Viríanos ben para coller ritmo de país en desenvolvemento e espantar así aos especuladores que non deixan de cuestionar a fiabilidade da nosa débeda. Zapatero quixo apelar ao espírito de equipo e reuniu aos grandes empresarios e executivos do país para buscar solucións a unha crise non só económica, senón de ideas. E como non podía ser doutra forma, a dous días do derbi, o comité de expertos -35 homes e dúas mulleres- recomendou ao adestrador que non lle treme o pulso á hora de decidir a estratexia e que aposte pola canteira.
Mentres Moncloa o pensa, Galicia xa se puxo ao choio e as dúas grandes caixas galegas, que ata este luns representaban a ese antagónico norte e sur, acordaron reunir aos seus mellores talentos para loitar na Champions financeira.
Na liga que libra España cos grandes da economía mundial aínda somos un equipo por facer e exposto a humillantes goleadas, pero o que queda é afrontar cada partido coma se fose un clásico. E se se gaña, pois mellor.