Posts etiquetados ‘Deputación’

Memoria

Mércores, 18 de Setembro, 2013

O membro do Poum José Ramos dicíalle ao alcalde republicano de Lugo, José Lamas, nunha carta pouco antes de morrer fusilado: «Cando poidades, facédenos xustiza». Recordar aos que morreron por non querer mudar de ideais debería de ser o mínimo acto de homenaxe que lle pode facer unha provincia ás máis de 8.000 persoas que padeceron a represión posterior ao golpe militar de Franco de 1936, por moi lonxe que se nos antollen aqueles anos do século pasado.
En Xapón recordan cada ano con badaladas ás vítimas das bombas de Hiroshima e Nagasaki, o mesmo que fan os xudeos de todo o mundo cos asasinados polos nazis cada Yom Hasoá ou Día do Holocausto.
En Lugo hay unha asignatura pendente con todos os que perderon a vida naquel conflito fratricida, dun e outro bando, e cos que, ao acabar como perdedores, tiveron que sufrir a represión, o exilio ou a submisión durante catro duras décadas. Os únicos homenaxeados  durante anos foron os caídos nas filas gañadoras, e por iso, malia que a algúns lles soe antediluviano e outros falten ao respecto dicindo que «algo farían», unha declaración institucional para non esquecer a todos aqueles lugueses represaliados por parte dunha entidade que moitos tamén ven anacrónica como é a Deputación ben podería ser ese acto de xustiza que pedía Ramos. E non facelo só nos convertería nuns desmemoriados.

O fenómeno Baltar

Xoves, 10 de Xaneiro, 2013

Se nunha Deputación cuxa presidencia pasou de pai a fillo ninguén se decidiu ata agora a investigar irregularidades é porque non había vontade de facelo. Con todo, dous anos despois de terse presentado unha denuncia contra o expresidente ourensano José Luís Baltar, a Fiscalía primeiro e un xuíz despois admitiron a trámite unha querella por un presunto delito continuado de prevaricación nas contratacións de persoal do ente provincial, o que podería convertelo no primeiro caso de nepotismo continuado nunha institución pública.
O asalto xudicial ao bastión dos Baltar limítase á actuación do pai durante un periodo concreto, aínda que a ninguén se lle escapa que se alguén ocupou un cargo durante 20 anos o normal é que usase o mesmo sistema selección de persoal durante todo o periodo. Os mandatos prolongados son un caldo de cultivo para este tipo de políticas, ás que non son alleas nin as forzas de dereita nin de esquerda, que tamén se ven obrigadas a buscar acomodo aos seus nas institucións como sistema de gratificación dos servizos prestados.
Deputacións e concellos están sementados de persoal colocado a dedo e por moito que se queira colocar agora a Baltar no disparadeiro os partidos son os grandes responsables desta situación. O cacique de Ourense só era o fenómeno na súa máxima expresión.

Paco e as súas medallas

Mércores, 28 de Decembro, 2011
A miña infancia non son recordos de ningún patio machadiano, senón dun puñado de abueletes ao abrigo do salón da miña casa repasando os seus achaques e augurando o desastre para un país orfo pola morte dun señor baixiño, con gorra de prato e co peito infestado de medallas. Anos despois cheguei a entender o cauto silencio do meu avó fronte á behemencia dos seus interlocutores na defensa de quen pasará á historia por usar primeiro o terror do paredón e logo o medo do illamento social ou o cárcere para conter calquera conato de subversión. Ao señor Elías collerao a Guerra Civil na madurez dos corenta, con varios fillos que manter e cun currículo republicano que tivo que esconder ata os seus oitenta. A pesar da obrigada discreción, a súa creo que foi unha vida feliz, a mesma que lles foi negada a aqueles que non puideron conter o seu odio ao ditador e aos que o arrouparon durante anos. 
Malia todo non creo que institucións caducas como a Deputación deban quitarlle nin unha soa desas medallas a Franco nin á Falanxe nin aos Primo de Rivera, como quere facer agora a de Lugo, porque son o mellor recordatorio do pavor no que sumiron durante décadas a millóns de persoas neste país. Ademais, tampouco me estraña que haxa deputados provinciais que, como alegan, non queiran entrar no xogo de quitar condecoracións, aínda que a eses o meu avó catalogábaos como mexamedallas.