Posts etiquetados ‘control’

Controlar ao controlador

Mércores, 28 de Setembro, 2011

Un conselleiro de RTVE nomeado a proposta de Comisións Obreiras acaba de dimitir tras permitir coa súa abstención que saíse adiante unha proposta para que este órgano asesor tivese acceso directo aos contidos dos informativos durante a súa elaboración. O dimisionario conselleiro, quen se estará lamentando da perda dos seus privilexios -salario anual de 120.000 euros, Visa Ouro e dous empregados ao seu servizo- di ser vítima desa mala costume de deixarse aconsellar polo da beira -neste caso un xornalista nomeado polo PSOE-. O caso é que unha vez que a opinión pública coñeceu que esa ducia de ociosos ‘controladores’ decidiran pasar o seu tempo furgando nos borradores dos reporteiros de TVE, deuse marcha atrás ao acordo, aínda que só Comisións obrigou a dimitir ao seu conselleiro, mentres o resto limitouse a desculpar o erro.
Non foi nin será a última vez na que quen máis sae nos informativos -políticos e sindicalistas- queiran ter o control absoluto sobre os que en realidade os deben controlar. Hai pouco ata tentaron, coa aquiescendia dalgún inxenuo xornalista, crear unha comisión parlamentaria que tivese a capacidade para apartar a alguén da profesión. A Fape liderada por Urbaneja foi capaz de parar tamaña arroutada coa única asignatura que non se aprende nas facultades de xornalismo, o sentido común.

Seguridade

Venres, 23 de Abril, 2010
Teño un amigo indignado porque desde que comprou un Seat León de segunda man, negro e con cristais tintados páralle un día si e outro tamén a Garda Civil. Eu dígolle que ten un coche sospeitoso e que o mellor é, polo menos, cambiarlle os portelos macarrónicas, aínda que o certo é que a súa é unha crítica lóxica dun cidadán que xa está ata a pucha deste estado policial no que nos estamos convertendo. Porque se hai algo que moleste excesivamente é ser prexulgado por un uniformado a quen lle inculcaron na academia esa zafia idea de pensa mal e acertarás.
A anécdota faime ademais reflexionar sobre esa sensación de vixilancia que un sente xa no cocote ante a proliferación de cámaras de videocontrol públicas e privadas que se instalan baixo o paraugas da seguridade cidadá. O Concello de Lugo, por exemplo, declara ter máis de 60 por toda a cidade, aínda que se contamos tendas, garaxes ou ata os ascensores dos supermercados podémonos atopar con que estamos máis gravados que a entrada do chalé da Pantoja. Aínda que o peor é que estamos convencidos de que esta forma de control que raia a inconstitucionalidade é o mellor para nós e ata no meu portal acaban de propor instalar un videoporteiro. Xa imaxinan cal será o meu voto.