O virá tralo 20-N
Martes, 27 de Setembro, 2011Dáme tan mala espiña iso de que aos políticos lles entrase a febre por prescindir dos coches oficiais como que aos millonarios alemáns e franceses les dea por pedir aos seus gobernos que lles suban os impostos. É coma se se puxeran dacordo para coárnola e de momento van achandando o terreo. Porque se hai algo que lles pon aos altos cargos é que lles abran a porta traseira deses flamantes coches negros e aos megaricos, escalar postos na lista Forbes.
E non son cribles porque esa falsa austeridade que nos pretenden inculcar vai contra a economía de mercado que lles colocou onde están e que ao resto sumiu nunha crise xa non só financeira senón tamén de ideas e valores.
Por iso propoño coa mesma vehemencia coa que o faría un chofer oficial ameazado de Ere non deixar nin a un deputado, director xeral ou concelleiro sen a pracenteira sensación de fincar as posaderas en caros asentos de coiro e que se dea marcha atrás a calquera intento de impedir que os nosos ricachones queden atrasados na clasificación de opulentos. Que se deixen de demagoxia e digan claramente que se hai que recortar o único modo efectivo é facéndoo naquilo que de verdade pode reducir a factura do gasto público: a protección por desemprego, o funcionariado, o gratis total da sanidade, a xustiza, a educación… Non se preocupen, claro que o dirán, pero tralo 20-N.