Posts etiquetados ‘caixas de aforro’

Axuntamiento

Domingo, 8 de Novembro, 2009

Galicia ten pendente a súa última reestruturación bancaria e que, segundo os expertos, se terá que facer si ou si, pois a tendencia á concentración para medrar e competir nun mercado máis débil do que se pensaba fará irreversible o proceso de fusión ou absorción.
O Goberno de Manuel Fraga xa impulsou nos anos noventa o doloroso proceso de integración das tres caixas de aforro do sur de Galicia ao redor da marca Caixanova, e agora parece ser que Alberto Núñez Feijóo decidiu mentar a bicha para tratar de axuntar non só as dúas principais entidades de aforro da comunidade, senón a dúas sensibilidades tan complicadas como son o coruñesismo e o viguismo.
E o problema é que, ademais de non haber nin entendemento nin ganas entre os casadeiros, parece que hai menos aínda nas filas dos promotores do amaño, pois ata nos tres grandes partidos hai voces que defenden manter o statu quo.
De momento, a gran caixa do sur –Caixanova– xa avanzou que prefire unha relación menos formal, mentres que no norte –Caixa Galicia– se garda silencio, conscientes da posición de privilexio que teñen ao tratarse da sexta caixa de aforro de España. A lea non fixo máis que empezar e a polémica pola dirección de Caja Madrid podería ser un xogo de nenos comparado co que se aveciña por aquí.