Posts etiquetados ‘bares’

Fumes

Xoves, 17 de Decembro, 2009

Vaia por diante que desde hai dez anos non son fumador habitual, polo que calquera opinión sobre un vicio do que sempre custa prescindir sempre vai ser algo parcial. Con todo, resulta curioso que na polémica xerada polo anuncio do Ministerio de Sanidad de que en 2010 prohibirá definitivamente fumar en locais de lecer e restaurantes xa teñan sido cuantificadas as perdas polo sector hostaleiro, que se lamenta que deixará de ingresar 30.000 millóns de euros só o ano que vén. E é que un pregúntase onde vai ir a parar todo ese diñeiro, pois imaxino que as cañitas, os cafés, as tapiñas, o faladoiro, a maquiniña, o partidiño, o menú do día, a especialidade da casa… e demais atractivos dos centos de miles bares repartidos pola xeografía española non van perder tirón porque a ese trinta por cento da poboación de España que se declara adicta ao cigarro a obriguen a botar unhas caladas na porta.

Porque a todo isto, por se alguén non se parou a pensalo, a chamada lei antitabaco busca protexer os traballadores dos malos fumes durante a súa xornada laboral, e ata agora os únicos curritos excluídos son os camareiros dos locais onde se permite fumar. Ao resto, que estabamos neles de paso, tocábanos aguantar, pois ninguén nos mandaba meternos alí.