Posts etiquetados ‘AVE’

Cen días

Martes, 28 de Xullo, 2009

Aínda que semella que algúns non espertaron do ‘shock’ que lles provocou o 1-M, o gabinete de Feijoo xa cumpriu cen días, nos que a palabra máis repetida durante a campaña, austeridade, foi tamén santo e sinal da acción de goberno. Desde o primeiro momento ademais o novo presidente galego non só deixou ‘descolocados’ a estraños senón tamén a propios, logo de buscar un perfil técnico na composición dos altos cargos da Xunta. Descubertas as vergoñas dos seus rivais nas urnas, coa filtración de facturas de coches e mobiliario de luxo ou de contratos a persoas ou empresas afíns, nestes meses Feijoo tivo como teima principal a de cadrar unhas contas das que dixo que presentaban un buraco de case 1.200 millóns de euros. Para iso emprendeu unha labor de recortes que mesmo chegou á Educación, a área que precisamente máis polémica está a xerar. O cambio no modelo da gratuidade de libros de texto ou o anuncio de reforma do decreto do galego son así os principais asuntos nos que a oposición atopa argumentos para contestar a acción de goberno. Porque no resto de capítulos estase a seguir co guión previsto e mesmo o relativo a infraestruturas pode que acabe saíndo da axenda política logo do ‘acordo do Obradoiro’, polo que o Ministerio de Fomento se compromete a ter rematado o AVE en 2015, e a Xunta, a non facer leña co tema. Cen días logo de doada senda para Feijoo, que nin sequera está a ter problemas coas vagas de lumes grazas ao verán suave que estamos a ter en Galicia. Iso si aínda, queda moito camiño por andar.

Acordos e trasacordos

Martes, 21 de Xullo, 2009

Corría o ano 1991 e un enerxético Manuel Fraga conseguía arrancar do Goberno de Felipe González un acordo por escrito para rematar en catro anos as dúas autovía s de entrada a Galicia desde a Meseta. A sinatura daquel acordo entre Javier Sáenz Cosculluela e o presidente da Xunta recorda á que protagonizaron os seus homólogos na actualidade, os ex compañeiros de facultade Alberto Núñez Feijoo e José Blanco. Nesta ocasión o compromiso por parte do Ministerio de Fomento é ter rematadas en 2015 todas as obras do AVE entre as sete cidades galegas e Madrid, unha promesa para a que hai compromiso de investir preto de cinco mil millóns de euros, independentemente de como estean as arcas do Estado.
O acordo das autovías por suposto que non se chegou a cumprir e en 1995 só había aberto en Galicia ese perigoso tramo da alto de Puxeiros en Vigo no que hai sinais e radares para non pasar de 60 quilómetros por hora. Daquela xustificouse o atraso pola extrema orografía, as condicións meteorolóxicas durante os invernos ou a dificultade para facer as expropiacións. Finalmente o último tramo de autovía inaugurouse en xullo de 2002, sete anos despois do pactado no convenio. Naquela última placa conmemorativa gravouse unha frase de Jovellanos que di “vale máis concluír un camiño que empezar moitos”. Os galegos e seguramente que tamén os firmantes do Acordo do Obradoido tamén esperan que o AVE sexa realidade algún día e se acabe dunha vez este baile de prazos.

Transición axitada

Luns, 16 de Marzo, 2009

Logo de dúas semanas de psicoanálise entre os partidos que forman parte do defunto bipartito comezaron as primeiras reaccións ante a presa do futuro presidente da Xunta por coller canto antes o bastón de mando. Un dos primeiros en darlle un toque a Alberto Núñez Feijoo foi o deputado electo por Lugo Ismael Rego, moi ligado a Emilio Pérez Touriño e se cadra un dos damnificados no PSdeG pola caída do patrón. O mariñán recordoulle ao popular que aínda non era presidente e nin sequera parlamentario. Porén, a advertencia soa a berro de lamento, pois cedo ou tarde o equipo de Feijoo vai asumir o mando mal que lle pese aos que o tiveron nos últimos anos.

De todos os xeitos tivo que ser no primeiro Consello da Xunta trala noite electoral cando Touriño deu de novo a cara para responder a todas a alusións feitas polo seu rival nas urnas durante as innumerables entrevistas concedidas nestas dúas semanas. Cualificou de “intolerable” as presións do presidente do PPdeG para acelerar o traspaso de poderes ao tempo que denunciou que se estivo a crear unha imaxe falsa sobre a actuación do seu goberno no tocante por exemplo aos gastos en coches oficiais ou despachos. Neste asunto contraatacou aludindo á dotación orzamentaria para vehículos deste tipo feita polos gobernos de Fraga. Tarde piache, di o refraneiro galego, pois o que semella claro é que o discurso do PP durante a campaña sobre o suposto despilfarro da Xunta callou no electorado e agora que o bipartito está en retirada semella que o máis acertado é pasar páxina e esperar a ver se o novo goberno cumpre as súas promesas.

E iso precisamente é o que xa están a pedir algúns alcaldes como o lucense José López Orozco, quen nunha das súas últimas comparecencias dixo que lle recordará a Feijoo a súa intención de financiar desde a Xunta a chegada do AVE a Lugo. Malia que o Ministerio de Fomento se comprometera xa a traer un tren rápido ata a capital luguesa, a incredulidade dos populares coas promesas de Magdalena Álvarez levounos a incluír no seu programa electoral o financiamento desta infraestrutura e por iso o rexedor tómalles agora a palabra e de seguro que insistirá neste asunto durante os vindeiros anos. Tamén dixo que espera que non se paralicen proxectos como o novo auditorio de Lugo, aínda que vendo a sorte que está a ter a cidade con este asunto, que a ninguén lle estrañe se a futura Xunta decide cambiar o proxecto ou mesmo a ubicación. Outras dotacións como o novo hospital ou o parque empresarial das Gándaras semella que non se verán afectadas polo cambio de goberno, aínda que o museo da romanización en San Fernando podería quedar no aire. Eso si, Feijoo dixo que non se vai esquecer de Lugo. Esperemos que cumpra.

Tren do pasado

Martes, 2 de Setembro, 2008
En Monforte de Lemos están a celebrar estes días o 125 aniversario da inauguración da súa estación de ferrocarril e a súa vez a posta en marcha da línea Palencia-A Coruña, a primeira que se abría entre Galicia e a Meseta. Unha placa recorda desde o domingo a efeméride, aínda que vendo o progresivo desmantelamento vivido pola veterana estación ben poderían terlle posto unha lápida funeraria, pois dende que hai anos se decidira que o AVE entraría a comunidade por Ourense, a cidade do Cabe viu como as súas esperanzas de recuperar o esplendor ferroviario se esfumaban.
Pero como estes días o que se trata é de celebrar, pois os organizadores dos actos ata convenceron a Renfe para que lles trouxese un adianto do que será o futuro tren rápido e así o desfile de locomotoras de diferentes épocas incluíu un Alvia dos chamados ‘patito’, que cubren os traxectos de alta velocidade entre Madrid e Valladolid, e que poden chegar a circular a 250 kilómetros por hora, aínda que non desde logo polas vías galegas.
Pero o tren do futuro, ese que o Goberno nos asegura que chegará a Galicia no 2012, aínda é só un soño para os galegos, mentres que outros cidadáns de Madrid, Castela, Andalucía, Aragón ou Cataluña xa disfrutan dende hai anos da súa comodidade e rapidez. Haberá que confiar logo en que a promesa se cumpra, aínda que de momento os galegos somos tan coitadiños que nos conformamos con ver pasar a modernidade dende o anden nun domingo de celebracións. Mira que somos boa xente.