Posts etiquetados ‘atropelo’

En busca de xustiza

Luns, 22 de Setembro, 2008

Vexo a loita que están a ter os pais de María López, a rapaza atropelada hai catro anos na Ronda da Muralla, para conseguir que se revise a condena dos mozos que provocaron a súa morte e penso en todos aqueles familiares de vítimas de sucesos que non dan o brazo a torcer logo dunha sentenza, malia que seguir con esa teima supoña revivir a traxedia.
O pai de María asegura que non van parar ata que se faga xustiza neste caso e mesmo di que alguén pode ir á cadea por matar un animal, pero se acaba coa vida dunha persoa nun accidente de tráfico pode librarse. A última acción de protesta foi a presentación de máis de 22.000 sinaturas de cidadáns apoiando a súa petición, o que da idea do grao de movilización e implicación que están a desenvolver. Foi o mesmo que amosaron durante estes catro anos nos que se preocuparon por manter a foto da súa filla con frores e velas no mesmo lugar onde perdeu a vida.
Ninguén pode negarlle unha firma a alguén que tanto ten sufrido, malia que neste caso as probas e testemuñas presentadas no xuízo poden ser máis determinantes que calquera mostra de solidariedade. Eso si, aínda que finalmente non haxa revisión de condena, alo menos a familia podería quedar reconfortada co apoio recibido.
Este caso, aínda que salvando as distancias, fíxome recordar outras historias sonadas, como ao do ‘Padre Coraje’, un home de Xerez que logo de que as investigacións polo apuñalamento do seu fillo nunha gasolineira desta cidade non lograran incriminar ao seus presuntos asasinos, decidiu infiltrarse non baixos fondos e conseguir grabar unha confesión dun dos homes acusados de matar ao seu fillo. Sen embargo, o feito de que as probas non foran admitidas polo xulgado, impediu que todo aquel traballo se materializase nunha condena.
En Lugo tamén estes días estase a revisar outro caso no que quedaron moitos cabos soltos. A morte dun lucense por asfixia nun motel das aforas da cidade cando pasaba a noite en compañía da súa moza. Os pais do mozo non cren convincentes as explicacións dadas no seu día e tamén pelexan porque se saiba que foi o que pasou realmente.
O común denominador destes sucesos é a vontade dos pais das vítimas porque se saiba todo o que pasou e se faga xustiza, aínda que iso supoña  revivir con dor aqueles difíciles momentos. Será que malia que a verdade non devolve aos que se foron a lo menos reconforta aos que quedan.