Posts etiquetados ‘Air Comet’

Solvencia

Venres, 25 de Decembro, 2009

A quebra da empresa do presidente da patronal española foi a puntiña para un ano no que os brotes verdes que anunciaba a vicepresidenta Elena Salgado parecen terse queimado coas xeadoras cifras que cada mes dan as estatísticas.  Gerardo Díaz Ferrán foi con todo nos últimos meses esa voz crítica nun diálogo social que se afixo á foto amable durante os días de viño e rosas. As súas reiteradas demandas de flexibilización laboral, que incluían unha reforma na indemnización por despido, acabaron por calar non só na propia Ceoe, senón ata nalgúns sectores da sociedade, e ata dá a impresión de que fixeron dubidar ao Goberno, que ao final decidiu non tocar o tema no seu proxecto de lei de economía sostible. Claro que aínda que se sabía da delicada situación das empresas de Díaz Ferrán, non era previsible o concurso de acredores de Air Comet, a quen o Ministerio de Fomento xa retirou a licenza de liña aérea.

Iso si, por moito que os seus compañeiros de patronal o defendan, os días de Díaz Ferrán á fronte da Ceoe deberían estar contados. Senón, só un país de conto podería asumir que o patrón de patróns sexa agora mesmo tan solvente coma un décimo de lotería sen premiar.