Cidades

Unha escapada de fin de semana a calquera das capitais de provincia españolas ou as grandes cidades sérvenos para determinar o grao de desenvolvemento que tiveron nos últimos 20 anos axudadas sobre todo polo motor económico que supón a construción e polos investimentos das administracións. A pasada fin de semana tiven a oportunidade de achegarme ata Zaragoza, onde se traballa a contrarreloxio para rematar as obras da Expo 2008, que pretende abrir as súas portas o 14 de xuño. Segundo nos explicaron a un grupo de xornalistas representantes das administracións implicadas na organización, este proxecto non só busca dar a coñecer Zaragoza internacionalmente, senón que tamén serve para dotar de zonas verdes, infraestruturas e edificios singulares a unha cidade que está a medrar a pasos axigantados e que pretende converterse na terceira de España, por detrás só de Madrid e Barcelona. A idea seguramente nos sona, pois xa no seu día a propia cidade condal, cos Xogos Olímpicos, ou Sevilla, tamén coa Expo 92, aproveitaron a choiva de diñeiro que trae este tipo de eventos para recuperar espazos como a Barceloneta ou a Illa da Cartuja. E de seguro que os maños tamén o están a conseguir, pero coa vantaxe de coñecer os erros que se produciron naqueles casos para non reproducilos. Galicia, malia a ter consolidado o Xacobeo, aínda está lonxe de poder contar cunha lotaría como a que supón conseguir unha gran cita como as citadas, aínda que segundo reiteraron os zaragozanos, o maior éxito é ter conseguido unanimidade dos partidos á hora de falar da Expo. Pois igual podíamos mandar aos nosos políticos a Zaragoza, pero a un cursiño de formación en consenso.

Comments are closed.