Autoservizo
Anda circulando polo sempre proceloso mundo dixital un vídeo no que se denuncia esa política do autoservizo coa que as multinacionais tentan enganarnos alegando modernidade cando o que buscan é recurtar gastos a base de reducir plantillas. Aínda que o autor o fai eu vou evitar mentar marcas, porque xa sexan restaurantes, gasoliñeiras, hipermercados ou tendas de mobles, todas andan na procura do mesmo, que lles fagamos o traballo e que lle paguemos coa tarxeta a un dependente automático.
Seica o argumento que usan para que o fagamos nós mesmos —botalo combustible, pasar a compra pola caixa, ir recoller a bandexa coa comida á barra ou montar esa mesiña de noite— é que nos imos aforrar uns euros na conta, pero habería que preguntarse se prescindir desos postos de traballo no noso entorno lle compensa á toda a comunidade.
O último nesta aposta polo recurte de persoal pode chegarnos da man da administración sanitaria, que nos quere consultar as doenzas por teléfono, como se dunha compañía de telefonía se tratase. Imaxínome á máquina que nos atenderá: «Se ten un trancazo, pulse 1; se lle doe unha man, pulse coa outra; se non respira, pulse S.O.S.». E mesmo pode que a algún, cando dea conseguido que lle atenda un teledoutor, xa se lle teña pasado a vez e estea no outro barrio, e entón si que lle será máis complicado á funeraria conseguir que se faga el mesmo a mortalla.
Tags: autoservizo, gasoliñeira, hipermercado, multinacionais