Educar

Ver como un bulebule de metro e medio se colga dunha árbore no medio do céspede de Campo Castelo e diante a permisiva ollada de proxenitores e paseantes —a do que asina tamén— só demostra unha cousa, que neste país non fai falta unha lei de calidade da educación, senón un programa de reeducación xeral dos maiores. Porque malia que o rapaz só amosaba ese instinto que nos conecta co antepasado primate, a indolencia colectiva dos que o mirabamos dá unha idea do lonxe que está a nosa marca España dos comportamentos que se lles transmiten aos cativos máis alá dos Perineos.
Contábanme hai días como en Suíza os máis meniños ían sós polas rúas cara os centros escolares con cadanseu chaleco reflectante mentres seus pais ficaban tranquilos sabendo que ían cruzar por pasos de peóns que os condutores respectan escrupulosamente. En cambio, por estes pagos voltaremos a ver a partires de hoxe caravanas de estresados proxenitores braceando ao volante para pedirlle paso aos que paran diante dos colexios a descargar tamén as crianzas, mentres o resto de peóns cruza a rúa por onde lle peta.
Por iso defendo que a Educación para a Cidadanía no só debe ser unha materia obrigatoria para os rapaces, senón tamén para os pais, porque, frente ao que propoñía Pitágoras, creo que mellor sería educar ao homes para non ter que castigar aos nenos.

Tags: , , ,

Un comentario a “Educar”

  1. Chiky

    Son muy educados en su pais, pero de vacaciones no. Vivo en gran canaria y el respeto de los extranjeros es poco o nada.
    Por otro lado Lugo es un paraiso de paz.