Cleptocracia
Adoitan saír á luz en tempos de crises, cando as administracións rascan os petos para atender sobre todo a necesidades urxentes (pago de nóminas, auxilio social..), aínda que existiron ao longo dos tempos. O seu estourido coincide ademais con alardes de celo da Xustiza, un poder independente no estado democrático, pero que se nutre dos Orzamentos Xerais e, polo tanto, ten unha dependencia económica e política inherente.
Refírome aos casos de corrupción política, o único factor á alza na nosa bolsa de miserias e que estes días ten varias frontes abertas que compiten en cheirume segundo se van coñecendo detalles sobre os protagonistas. Finiquitado o pelotazo urbanístico, principal rexenerador da cleptocracia en España, e cos principais implicados pillados en ‘deshabillé’, asistimos a xuízos orais, comparecencias ante instrutores e filtracións de sumarios que lonxe de abraiarnos, corroboran a teoría de Max Weber de que canto menos evolucionado sexa un país, maior é a súa exposición aos gobernos de ladróns.
Seguramente esta crise desembocará nun cambio de modelo económico, social e se cadra político, pero o que parece seguro é que nos intestinos do Estado sempre haberá parásitos capaces de devorar fondos públicos co beneplácito de políticos, partidos e xuíces; sempre que haxa diñeiro dabondo, claro.
Tags: Corrupción, justicia, políticos