Queda dito
Ao Goberno de Zapatero estáselle a acusar de improvisación nas medidas para saír da crise e aínda que o propio presidente se afana en desmentilo en mítines a pé de mina o certo é que a imaxe que se dá é esa. Pero se cadra o que máis está a chamar a atención é que as claves sobre a xestión tributaria que se albisca para o vindeiro ano están a saír non da Vicepresidencia Económica comandada por Elena Salgado, senón do Ministerio de Fomento de José Blanco.
O político lugués, que en poucos meses está a darlle acento galego ao BOE, foi dos primeiros en propoñer unha suba dos importos aos que máis cobran para atallar o déficit do Estado, que está a recadar menos polo aumento do paro e a caída do PIB. Mesmo foi quen de citar unha cifra de corte, 50.000 euros anuais, para indicar que familias se verían afectadas por unha hipotética suba impositiva. Claro que logo matizou que só estaba a poñer un exemplo, posto que debe ser nunha rolda de prensa do Consello de Ministros na que faga tal anuncio.
Agora José Blanco declara que a devolución de 400 euros no IRPF xa perdeu sentido logo da baixa das hipotecas e dos prezos, así que aqueles que xa contaban con esta paga extra poden ir olvidándose. O certo é que Blanco cando fai estas declaracións actúa máis como vicesecretario xeral do PSOE que como ministro aínda que está claro que as súas reflexións en alto pesan tanto como as que podería facer Elena Salgado. Por iso haberá que seguir poñendo a orella ao que diga o lugués.
Tags: Elena Salgado, IRPF, José Blanco