Delincuentes ao volante
Acudo invitado pola Asociación Penitencia Concepción Arenal ás súas xornadas anuais que este ano se deteñen na lexislación relacionada coa seguridade vial, que tanto deu que falar desde a súa entrada en vigor. Aínda que atopo unanimidade entre os asistentes sobre a necesidade de atallar pola vía dura a lacra dos accidentes de tráfico, evidéncianse discrepancias sobre a redacción da lei entre os xuristas invitados, algún dos cales chega a dicir que houbo certos recortes á hora de deixar no criterio dos maxistrados certas decisións para evitar sentencias que se contradigan.
Pero o principal poblema desta nova lexislación xorde porque cando un Estado se decide a meter no cárcere a aqueles conductores potencialmente perigosos sen que previamente haxa unha conciencia social sobre a gravidade destes delitos córresen varios riscos. O primeiro, saturando aínda máis os xulgados e incrementando o gasto público en xustiza. Logo, chegado o caso, encadeando a xente que pode pasar por cidadán exemplar se non fora porque lle gusta pisarlle de máis ao acelerador, porque gusta de tomar catro viños o domingo antes de voltar á casa ou mesmo porque malia que lle fora retirado o carné por unha sanción anterior, arríscase a seguir conducindo para non perder o seu traballo. Son conductas que o lexislador, ao ver que semana tras semana a estrada segue a dar balances tráxicos, decídese a correxir sen miramentos, aínda que logo a posta en práctica acabe causando situacións desacougantes en moitas familias.
Aínda así, os datos estatísticos indican que dende a entrada en vigor do carné por puntos e dos novos delitos contra a seguridade vial o número de mortes por accidente de tráfico baixou moito en España, polo que hai quen pensa que se se consegue salvar algunha vida enviando a alguén ao cárcere paga a pena a dureza da lei.
Outra cousa son sen embargo as fastidiosas multas por imprudencias tales como non levar o cinto de seguridade, falar polo móbil ou ser cazado polo radar a uns quilómetros máis do permitido. Nestes casos o malestar cidadán si que é máis evidente e demostrao o feito de que moitos conductores sancionados prefiren gastar os cartos en asesorarse nunha das múltiples empresas quitamultas que proliferan no mercado antes de pagarlle a Tráfico.
O caso é que a propia DXT xa ten listo un borrador para unha nova reforma da normativa sancionadora que se asemella moito a de países como Francia e que pretende reducir os trámites e recursos das multas de tráfico. Baséase na idea de que darlle no peto ao conductor infractor é o único xeito de educalo. Claro que igual ninguén se preocupou de averiguar se hai outras formas.
14 de Maio , 2011 - 17:45 pm
I was suggested this blog by my cousin. I’m not sure whether this post is written by him as no one else know such detailed about my trouble. You are amazing! Thanks!