Mr. López

Din que ao CD Lugo lle pasou por diante dos fuciños a toda velocidade un fórmula un que nin deu tempo a ver, pilotado por un tal míster López que, como na película de Berlanga, prometía cambiar as vidas dos protagonistas. Pero como por estas estradas nosas de grava e xeada córrese mellor en perolos tuneados, ao patrón do equipo Lotus e aos seus patrocinados saíulles un competidor de última hora para animar a competición que, como na carreira da lebre e a tartaruga, cruzou a meta por diante aproveitando que o rival no lle dera a importancia debida.
E como a derrota é máis difícil de dixerir canto menos esperada é, míster López e a súa escudería parece que van pasar de largo por Lugo, deixando na parroquia unha sensación entre a decepción e o alivio ao ver o rápido que se desmontou o teatrillo.
Non é a primeira vez nin será a última que vemos pasar pola porta en Lugo vendedores de ilusións que se esvaecen como a néboa do Miño a mediodía e por iso non nos sorprende que Mr. López xa non queira nada cunha cidade que ousou enfrontar un perolo co seu fórmula un.
Menos mal que o luguiño, afeito como está a sacar puntos fronte aos rivais fachendosos, segue a vivir o seu soño de competir cos grandes orzamentos do fútbol cun proxecto modesto que, malia estar cada temporada no aramio, pode gabarse de non deberlle nada a ninguén.

Comments are closed.