Archivo de Febreiro, 2015

Café e xornal

Venres, 27 de Febreiro, 2015

Entra un rapaz nun bar —e non é un conto— e pregunta se hai wifi. O camareiro respóstalle que non e o posible cliente decide marchar. Ao pouco, unha señora maior abre a porta, achégase ata o recuncho dos xornais, mira que non hai ningún libre, e pega de volta por onde veu. Entrementres unha televisión muda amosaba imaxes do presidente do Goberno falando para a nación. Algúns miraban de esguello cara a pantalla, pero sen moito interese por escoitar o que dicía Rajoy, se cadra porque sabían que alguén llelo resumiría despois.

A escea é toda unha metáfora da situación que viven agora os medios de comunicación e os seus receptores, onde internet abriu novos canles de información e entretemento aos que se tentan adaptar os mass media tradicionais, de xeito que a prensa de papel trata de manter o seu nicho de negocio e as televisións tentan reter ao telespectador copiándose formatos que, canto menos custes de produción poidan ter, mellor.

Os datos aportados polo último informe sobre a profesión xornalística, nos que alerta da destrución de 12.000 empregos en España desde a chegada da crise en 2008, son para tremer. Pero quédome cunha parte da escea vivida nese bar, onde dous cidadáns, de diferentes idades, andaban á precura de algo que só lles poden aportar dun xeito contrastado os profesionais e os medios de referencia: a información. E iso tamén hai que pagalo, como o café.

Mr. López

Mércores, 11 de Febreiro, 2015
Din que ao CD Lugo lle pasou por diante dos fuciños a toda velocidade un fórmula un que nin deu tempo a ver, pilotado por un tal míster López que, como na película de Berlanga, prometía cambiar as vidas dos protagonistas. Pero como por estas estradas nosas de grava e xeada córrese mellor en perolos tuneados, ao patrón do equipo Lotus e aos seus patrocinados saíulles un competidor de última hora para animar a competición que, como na carreira da lebre e a tartaruga, cruzou a meta por diante aproveitando que o rival no lle dera a importancia debida.
E como a derrota é máis difícil de dixerir canto menos esperada é, míster López e a súa escudería parece que van pasar de largo por Lugo, deixando na parroquia unha sensación entre a decepción e o alivio ao ver o rápido que se desmontou o teatrillo.
Non é a primeira vez nin será a última que vemos pasar pola porta en Lugo vendedores de ilusións que se esvaecen como a néboa do Miño a mediodía e por iso non nos sorprende que Mr. López xa non queira nada cunha cidade que ousou enfrontar un perolo co seu fórmula un.
Menos mal que o luguiño, afeito como está a sacar puntos fronte aos rivais fachendosos, segue a vivir o seu soño de competir cos grandes orzamentos do fútbol cun proxecto modesto que, malia estar cada temporada no aramio, pode gabarse de non deberlle nada a ninguén.

A feira

Mércores, 4 de Febreiro, 2015
Se cadra moitos coma min pensaban que nunha cidade que durante séculos e ata antonte estivo controlada polos bispos e que se gaba de ter a única catedral onde está exposto permanentemente o santísimo sacramento ía desatarse unha polémica relixiosa pola celebración dun salón erótico onde tamén haberá exposición permanente de carne e fieis fitando cara os altares do pecado capital que máis cartos xera nos nosos días.
Pero nada diso, porque de momento só coñecemos o comunicado dun traballador social que compara o evento cunha feira onde a muller se presenta como mercadoría, mentres nas rúas tampouco se palpa moito morbo polo evento, se cadra porque Pandora e o seu can xa deixaron vacinados hai dúas décadas aos lugueses máis veteranos contra calquera sorpresa sexual, mentres que os mozos teñen agora na rede todo canto un se pode imaxinar e máis.
Será por iso que nin sequera se chegou a cuestionar, como ocorrera hai tres anos en Ferrol ou en Xixón, o uso dunha instalación pública como é o Pazo de Feiras para acoller un evento deste tipo, e que nos casos citados levou ás institucións a anular os eventos. Aquí en Lugo, desde os tempos en que María Alvarado poñía o grito no ceo polas rapazas que saían lixeiras de roupa na portada de La Hoja del Lunes, xa ninguén lle pon pegas ás cerimonias de exaltación do sexo, e menos cando ameaza neve.