Archivo de Setembro, 2014

Q.E.P.D.

Mércores, 24 de Setembro, 2014

Tanta paz leves como paz deixas. Esta despedida, que segundo Mariló mesmo firmaría Q.D.E.P., é o mellor que se lle pode desexar ao dimisionario ministro de Justicia, que logo de ver abortado o seu proxecto de ley estrela por obra e graza da demoscopia, non lle quedou outra que facer mutis e deixar unha carreira política na que leva case desde que estoxou o chupete.

Alberto Ruiz-Gallardón marcha desautorizado polos seus, eses mesmos que logo de pedirlle que sacara a máscara de alcalde ‘pijiprogre’ para aplicar como ministro a dou-trina católica lle dan agora a patada no cú ao ver que a rúa non está para bicar santos. Porque a reforma da lei do aborto acabou por atragantárselle a un partido que só mirou cara un lado nun tema que entra nas decisións personais e nos dereitos individuais, e que se viu obrigado a rectificar a última hora, cando viu que a pouco máis dun ano das eleccións a súa versión ultra restaba máis que sumaba.

Malia todo, a Ruiz-Gallardón quedaralle a satisfacción de poder gabarse diante dos seus correlixionarios de telo tentado, o que lle pode reportar mesmo unha beatificación exprés cando lle chegue o momento. Entrementres, seguramente non terá por que recuperar a praza de fiscal en excedencia, porque a porta xiratoria se cadra lle ten reservado un posto nun consello de administración dalgunha empresa agradecida.

"Marcho, que me teño que ir..."

Dous pujoles

Mércores, 10 de Setembro, 2014
Sen ánimo de inmiscirme na cacería ao expresident catalán, que como contribuínte indignado apoio como o que máis, si que penso que sería razoable separar ao Pujol político do chourizo, malia que de non ter chegado a dirixir máis de dúas décadas unha das comunidades autónomas con máis orzamento, a usura que se lle presume non lle tería dado o mesmo rendimento que na esfera privada.
E digo esto porque se temos que revisar a traxectoria vital de Jordi Pujol atopamos a un político comprometido na loita antifranquista e convencido de que a autodeterminación dos pobos é un dereito inalienable. Coa súa visión de estadista foi capaz de presionar aos pilotos da Transición para configurar un estado autonómico e a súa influencia en Europa quedou demostrada cando en 1992 lle virlou sen pestenexar a Manuel Fraga a presidencia da Asamblea de Rexións en Santiago, simplemente confrontando currículums.
Claro que aínda que no plano político, gran parte da traxectoria do León de Vilalba está ligada a un réxime dictatorial, no persoal, que se saiba, don Manuel semella que tivo máis ambición de poder que de riqueza, ata o punto de que pouco máis deixou aos herdeiros que un chalé en Perbes que non dan vendido.
O cidadán Pujol di que vai comparecer no Parlament para dar explicacións. Non creo que fixese falta, porque onde teñen que falar os defraudadores é diante dun xuíz.

Fraga e Pujol, dous 'animais' políticos con ambicións diferentes

En tránsito

Mércores, 3 de Setembro, 2014

Levo tres días ao pé do canón e dame a sensación de que o verán aínda acaba de comezar. E non só porque o calor que tanto estranamos estes meses me estea a mudar o corpo, tamén axuda no desaxuste vital o feito de que setembro sexa un mes de tránsito non sabe cara a onde e no que a xente fai plans tan inconsistentes coma esta canícula.

Ocórreme que non me apetece apuntarme a ningún ximnasio, nin aprender un novo idioma nin comezar unha colección e moito menos analizar o comezo do curso político. Só penso en contar os días ata as vindeiras vacacións, malia que esteamos a falar de números de tres cifras. Teño o bronceador, a bolsa e a silla de praia na maleta do coche e quedarán alí polo menos ata que pase o San Froilán, momento no que o meu corpo se decatará de que de verdade acabou o verán e toca replantexarse cousas.

Setembro é para a maoría dos españois coma ese camiño no deserto que estamos a cruzar desde que alguén nos dixo que entraramos en recesión, malia que para min, polo feito de ser o mes do meu natalicio, cada vez que chega síntome coma nun limbo do que non me apetece saír por se o que me espera máis aló no me gusta.

Non son dos que se lamentan de ter depresión postvacacional, pero cústame arrancar tanto coma ese motor parado durante un tempo que está desexando que a gasolina e o aceite flúan polo seu interior. Estou en tránsito, a lo menos ata outono.